Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

Negociación colectiva con perspectiva de xénero

    O Consello Galego de Relacións Laborais organiza o vindeiro 23 de outubro a xornada «Negociación colectiva con perspectiva de xénero». Diríxese a organizacións sindicais e empresariais, alumnado de Relacións Laborais e Dereito, avogadas/os e graduados/as sociais, inspectoras/es de traballo e profesionais e persoas interesadas en xeral. Esta formación incluirá unha mesa redonda en que participará CCOO.

    18/10/2024.
    A xornada terá lugar o vindeiro 23 de outubro

    A xornada terá lugar o vindeiro 23 de outubro

    Resumo da xornada

    A Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva foi creada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Trátase dun órgano de asesoramento, control e promoción da igualdade por razón de xénero na negociación colectiva galega, adscrito ao Consello Galego de Relacións Laborais.

    Actualmente a súa regulación recóllese no capítulo VI do título III da Lei 7/2023, do 30 de novembro (DOG nº 233, do 11 de decembro de 2023), para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.No seo desta Comisión, entre outras actividades e co fin de promover e mellorar a calidade da negociación colectiva, elabóranse documentos e guías que sirvan de orientación e axuda ás mesas negociadoras, dende un total respecto pola autonomía negocial das partes que as integran.

    Nesta liña, tras a análise anual da totalidade dos convenios colectivos depositados na consellería competente en materia de emprego e relacións laborais en relación coa promoción da igualdade e coa eliminación de todo tipo de discriminacións, a CCAINC detectou a necesidade de elaborar un documento que, lembrando as obrigas e recomendacións que as diferentes normas establecen nesta materia, achegue ás mesas negociadoras e á autoridade laboral competente en materia de rexistro de convenios colectivos un documento útil co ánimo de reforzar o cumprimento de obrigas e recomendacións, e establecer unha correcta observación e desenvolvemento das normas co fin de garantir que a negociación colectiva sexa unha ferramenta chave na consecución da igualdade real nas relacións laborais.

    Co fin de garantir o cumprimento e desenvolvemento do principio de igualdade na negociación colectiva, a modo informativo achéganse, por medio do anexo a este documento, artigos de diferentes normas que instan ou remiten directamente aos convenios colectivos a desenvolver ou introducir diferentes cuestións relacionadas coa promoción da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes nas relacións laborais.

    Neste contexto, o Consello Galego de Relacións Laborais achega a «Nota informativa en materia de convenios colectivos: obrigas legais e recomendacións en materia de igualdade», froito do esforzo das organizacións integrantes da Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva e que ten como finalidade ofrecer unha ferramenta útil co valor engadido de que conta co imprescindible consenso das dúas partes da relación laboral nunha materia que require coñecementos de carácter técnico.

    Inscricións

    As inscricións faranse por orde de solicitude ata o 22 de outubro de 2024, no seguinte enderezo: formacion.cgrl@xunta.gal.

    Documentación asociada
    Documentación asociada