Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Abril 2025.

28 de abril - Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

SOS Sanidade Pública congregou milleiros de persoas nunha nova manifestación

    A Plataforma SOS Sanidade Pública, da que forma parte o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, volveu congregar este domingo milleiros de persoas nunha nova manifestación. A marcha partiu ás 12 horas da Alameda de Santiago baixo o lema «Máis atención primaria, máis atención hospitalaria, máis sanidade pública».

    07/04/2025.
    Manifestación de SOS Sanidade Pública (6/4/2025)

    Manifestación de SOS Sanidade Pública (6/4/2025)

    O lema escollido resume os tres eixes principais das reivindicacións formuladas por SOS Sanidade Pública.

    «Máis atención primaria», con dotación de persoal suficiente para centros de saúde e PAC. Tamén, acceso á atención en 24-48 horas, consultas presenciais a pedimento do paciente, centros ben equipados e unha reorientación do modelo cara á promoción da saúde, prevención, traballo comunitario e participación social.

    «Máis atención hospitalaria», para o cal se esixe o uso pleno dos recursos hospitalarios en quenda de mañá e tarde, reversión dos recortes nos hospitais comarcais, eliminación da concertación coa sanidade privada, restitución ao sistema público dos centros privatizados, plans efectivos para reducir as listaxes de espera, mellora das condicións laborais do persoal e esixencia de dedicación exclusiva ao persoal médico.

    «Máis sanidade pública», comezando por elevar o orzamento do sistema sanitario público, mais tamén a elaboración dun plan galego de saúde que adapte os recursos ás necesidades reais da poboación, recuperación de servizos e áreas de saúde privatizadas ou pechadas e reforzamento do sistema para facer fronte aos riscos e epidemias que afectan a saúde colectiva.