Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Abril 2025.

28 de abril - Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

CCOO participou nas mobilizacións polo dereito a unha vivenda digna e accesible

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia somouse o sábado, 5 de abril, ás mobilizacións convocadas polo dereito a unha vivenda digna e accesible. Baixo o lema «Acabemos co negocio da vivenda», houbo manifestacións na Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, convocadas por distintas organizacións e nas cales participou activamente o sindicato, que coa súa presenza reiterou a necesidade de lograr mellores condicións de traballo e unha maior protección social para a cidadanía.

    07/04/2025.
    Manifestación en Vigo, con participación da secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez

    Manifestación en Vigo, con participación da secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez

    Nos días previos á mobilización, Comisións fixo un chamamento á participación «masiva» nestas accións reivindicativas, xa que as cidades galegas están cada vez máis tensionadas e resulta máis complicado o acceso a unha vivenda digna en condicións xustas.

    Para o sindicato, a vivenda é «o quinto piar do estado do benestar» e atópase en risco polas prácticas especuladoras e a falta de actuación dos poderes públicos. Neste sentido, CCOO lembra que en Galicia hai medio millón de vivendas baleiras que se poderían mobilizar para duplicar a oferta actual. Ademais, coida necesario actuar sobre as vivendas turísticas —preto de vinte mil—, especialmente nas localidades con menor oferta.

    Así mesmo, o sindicato subliña que nos últimos anos presentou en distintos ámbitos numerosas propostas en materia de vivenda, sen que os poderes públicos actuasen. Mención propia merece a Xunta de Galicia, «que por activa e pasiva se nega a aplicar o que dispón a lexislación estatal, incluso entorpecendo as declaracións de zonas tensionadas». Polo tanto, CCOO conclúe que agora «é o momento de pasarmos das propostas ás protestas».