Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 30 Xaneiro 2025.

CCOO chama a mobilizarse o 2 de febreiro contra o desmantelamento das medidas de protección social

    As confederacións sindicais de CCOO e UGT convocaron mobilizacións en toda España para o vindeiro domingo, 2 de febreiro, contra o desmantelamento de varias medidas de protección social que se acaba de producir esta semana. O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia fai un chamamento á clase traballadora para que participe «masivamente» nesta convocatoria.

    24/01/2025.
    Mobilizacións o 2 de febreiro en Galicia

    Mobilizacións o 2 de febreiro en Galicia

    CCOO denuncia a alianza de case toda a dereita —PP, Vox e Junts— para tombar no Congreso unha parte importante do escudo social, fundamentalmente a revalorización das pensións, a suba do ingreso mínimo vital (IMV) e do salario mínimo (SMI), as axudas para o transporte público ou os recursos para as persoas afectadas pola DINA en Valencia.

    Para a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, esta votación das dereitas constitúe un «ataque directo contra a clase traballadora» e, especialmente, contra os colectivos máis vulnerables. «En lugar de priorizar o benestar das persoas, estas forzas políticas demostran que os seus cálculos partidistas e o interese propio están por riba das necesidades sociais», subliña.

    Segundo as estimacións de CCOO, os efectos desta votación serán «devastadores» en Galicia, pois prexudicarán a unha de cada tres persoas na comunidade. Entre os colectivos máis afectados destacan as 782 000 perceptoras e perceptoras dunha prestación contributiva —das cales 200 000 son pensións mínimas— ou as 44 000 persoas que dependen do IMV. En resumo, «case un millón de galegos e galegas verán empeorada a súa calidade de vida como consecuencia da irresponsabilidade de PP, Vox e Junts», asegura a secretaria xeral de CCOO.

    Desde Comisións Obreiras esíxenlle ao Goberno do Estado que aprobe mediante real decreto lei un novo paquete de medidas sociais e instan as forzas políticas a que as validen no Congreso, evitando que a poboación máis vulnerable sexa utilizada como refén en xogos de oportunismo político», conclúe Amelia Pérez.

    O SMI do 2024 non decae

    Por outra banda, CCOO lembra que o SMI do 2024 non decae malia o rexeitamento ao decreto ómnibus do Goberno do Estado. Deste xeito, os case 120 000 traballadores e traballadoras suxeitos ao salario mínimo en Galicia teñen garantida, cando menos, a contía xa establecida de 1134 euros mensuais en catorce pagas.

    Isto é así porque o artigo 27 do Estatuto das persoas traballadoras obriga a establecer anualmente a contía do SMI logo da consulta coa patronal e os sindicatos, sen que sexa precisa a ratificación nas Cortes.

    Mobilizacións en Galicia o 2 de febreiro

    — A Coruña. Ás 11:00 en Méndez Núñez (Cantóns).

    — Vigo. Ás 12:00 h na Porta do Sol.

    — Ourense. Ás 12:00 h na Subdelegación do Goberno.

    — Pontevedra. Ás 12:00 h na praza da Peregrina.