Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Xaneiro 2025.

Unha multitudinaria manifestación esixe en Vigo «reconstruír» a área sanitaria

    Milleiros de persoas percorreron no serán do xoves varias rúas de Vigo reclamando «reconstruír» a área sanitaria viguesa e dotala de recursos dabondo para unha asistencia «100 % pública e de calidade». A manifestación convocouna SOS Sanidade Pública, unha plataforma da cal forma parte CCOO.

    17/01/2025.
    CCOO en defensa da sanidade pública

    CCOO en defensa da sanidade pública

    A pancarta de cabeceira desta marcha esixía «máis atención primaria, máis atención hospitalaria, máis sanidade pública». Comisións Obreiras participou tamén cunha propia, «CCOO en defensa da sanidade pública», tras a que se situaron, entre outras, a secretaria xeral do Sindicato Nacional, Amelia Pérez, e o secretario xeral de CCOO-Sanidade, Javier González.

    Os milleiros de persoas que se manifestaron —máis de 62 000, segundo a plataforma— lanzaron proclamas como «nin un paso atrás, a sanidade pública ímola gañar», «menos inventos e máis investimentos» ou «poñede a Rueda na lista de espera», entre outras.

    Ao remate da manifestación leuse un manifesto que, ademais de incidir nalgúns dos aspectos xa indicados, tamén pediu o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro —remata no 2035, de aquí a dez anos— ou utilizar toda a capacidade do Hospital Meixoeiro.