Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Xaneiro 2025.

Galicia remata 2024 con máis e mellor emprego

    É o momento de que se faga política autonómica para converxer co Estado e reducir as desigualdades, non todo son bos datos.

    03/01/2025.
    Oficina de emprego

    Oficina de emprego

    Para Comisións Obreiras (CCOO), os datos que hoxe coñecemos indican que o paro rexistrado diminuíu en Galicia en 10 666 persoas no último ano (redución do 8,2 % que é superior á do Estado, onde a caída é do 5,4 %) e a afiliación á Seguridade Social no último día de decembro increméntase en 15 307 persoas (1,4 %) respecto ao mesmo período do ano anterior (menos ca no Estado, onde a suba é do 2,2 %). Galicia remata 2024 con 118 838 persoas en desemprego: 50 678 homes e 68 160 mulleres. 

    Os datos evidencian unha boa evolución do emprego no 2024, con 15 307 persoas afiliadas máis ao rematar o ano. A afiliación no último día de decembro era de 1 070 373 persoas afiliadas. Os contratos indefinidos medraron máis (8,3 %) que os eventuais (6,5 %) en termos anuais dos meses de decembro, por iso ao remate de 2024, 27 de cada 100 contratos rexistrados son indefinidos cando antes da reforma laboral eran 10 de cada 100. A evolución anual da afiliación, no último día do mes, nos réximes xeral e de autónomos achega tamén datos positivos: aínda que a actividade en que máis emprego se crea é a sanitaria e de servizos sociais (+3739 empregos), observamos con atención o elevado volume de emprego creado nas actividades profesionais (+2132), administrativas (+1902) e educación (+1921), que son as máis ligadas ao cambio do modelo produtivo reivindicado desde CCOO. Destacan tamén a industria manufactureira (+2002 empregos) e a hostalería (+1925). 

    Pero en opinión de CCOO non todo son bos datos. Como xa sinalamos, a creación de emprego —tomando o dato do último día do ano— é inferior que no Estado, como é habitual (1,4 % fronte a 2,2 %) e a porcentaxe de contratos indefinidos sobre o total é dez puntos inferior en Galicia en relación co Estado (26,9 % por 36,9 %). A afiliación medra menos debido, en parte, a un peor funcionamento do mercado laboral no mes de decembro. Se unha mesma lexislación común ao Estado se traduce nunha evolución tan diferente dos indicadores laborais, a explicación haberá que buscala nas eivas da nosa estrutura produtiva e nas políticas, ou na ausencia delas, aplicadas no ámbito autonómico. Dada a evolución do emprego no último mes, estaremos vixiantes a ver se o dato de fin de mes responde a circunstancias conxunturais ou estacionais ou se, pola contra, estamos na senda correcta do cambio de modelo produtivo empurrado pola transición verde e dixital.

    Non podemos ignorar a fenda de xénero que sofren as traballadoras galegas, que ten moito que ver coas actividades e condicións en que desenvolven o seu traballo. Malia que o desemprego feminino se reduce en 6633 mulleres e o masculino en 4033 homes, non mingua a fenda das mulleres no desemprego, onde seis de cada dez persoas paradas son mulleres ao rematar 2024. 

    Desde CCOO avaliamos positivamente os datos publicados hoxe, pero instamos a que non sexan flor dun día e esixímoslle ao Goberno galego que utilice as súas competencias para que esta mellora sexa estrutural e se consolide a creación de emprego de calidade, apostando por incrementar o peso do emprego industrial e das actividades de maior valor engadido dos diferentes sectores, ao tempo que se reducen as desigualdades no mercado laboral galego. CCOO esíxelle á Xunta de Galicia que goberne para converxer co Estado e reducir as desigualdades.