Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Abril 2025.

ССОО denuncia o esaxerado axuste de contratación en Correos na provincia da Coruña e que provoca graves problemas no servizo postal.

    A pesar de esixir aos responsables de Correos que tomasen medidas para arranxar esta situación, non se fixo e obrigouse ao persoal ir a unha folga para defender os seus dereitos.

    24/12/2024.
    Folga en Correos A Coruña

    Folga en Correos A Coruña

    CCOO denuncia o desmedido axuste de persoal e de contratación que está a aplicar a empresa Correos de maneira continua nas localidades e municipios da provincia, e que impacta negativamente nas condicións dos traballadores e traballadoras pola falta de contratación e cobertura de vacantes, e que provoca a consecuente deterioración do servizo postal público á cidadanía. 

    Esta esaxerada falta de organización e de cobertura dos postos de traballo desembocou no que xa viñamos denunciando de maneira reiterada desde hai máis dun ano. Xa o manifestamos publicamente en novembro e levamos tempo esixindo á empresa que tome medidas para reorganizar o servizo postal, dimensionando as unidades e dotándolas dos medios, tanto de persoais como de infraestrutura e vehículos. Esta organización é necesaria para desempeñar a carga de traballo, nestas datas, con medios e condicións laborais dignas que permitan desempeñar con normalidade o servizo público postal. Os traballadores están sobresaturados e desbordados na maioría das unidades. Respírase tensión, ansiedade e prodúcense moitas baixas debido á carga psicosocial. 

    Na Unidade de repartición 3 da Coruña os traballadores dixeron basta. Levan asumindo 5 vacantes que Correos non cubriu nos dous últimos anos e a maiores non se contratou polas 7 baixas que se produciron na unidade, e que en parte veñen relacionadas coa extrema situación de sobrecarga que están a sufrir. Actualmente están a traballar coa metade do persoal na devandita unidade. 

    A pesar de esixir aos responsables de Correos que tomasen medidas para arranxar esta situación límite, non se fixo nada e obrigouse ao persoal ir a unha folga, que supón manifestar e denunciar esta situación insostible. Deste xeito, podemos denunciar que a mala xestión da empresa vai deixar sen servizo postal, un dereito da cidadanía, co consecuente grave prexuízo para os cidadáns, a gran parte dos veciños da Coruña, que quedan sen servizo postal durante toda o que queda de campaña de nadal, posto que a folga se estende desde o día 23 ata o 03 de xaneiro polo momento: barrios como As Roseiras, o Ventorrillo, Agra do Orzán, Labañou, Paseo das pontes, As Conchiñas, Bens,.. 

    Desde CCOO xa levamos denunciando e pedindo ás responsables solucións, pero a resposta desde a empresa sempre é a mesma, dicindo que non está autorizada a contratación e que teñen que organizarse como poidan.