Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Decembro 2024.

Recuperada a xubilación parcial para o funcionariado e o persoal estatutario

    A Área Pública de CCOO asinou un acordo co Goberno do Estado que devolve ao persoal funcionario —incluído o pertencente ao Réxime de Clases Pasivas— e estatutario o dereito á xubilación parcial, un avance que equipara estes colectivos co resto dos traballadores e traballadoras en España, que xa gozaban deste dereito.

    19/12/2024.
    Recuperada a xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario | Imaxe de fondo: Canva

    Recuperada a xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario | Imaxe de fondo: Canva

    O ministro para a Transformación Dixital e Función Pública, Óscar López, o coordinador da Área Pública de CCOO, Lucho Palazzo, e o secretario xeral de UGT Servizos Públicos, Julio Lacuerda, asinaron este acordo que concreta o dereito do funcionariado —incluído o pertencente ao Réxime de Clases Pasivas do Estado— e do persoal estatutario a acollerse á xubilación parcial anticipada.

    O asinamento chega despois de dous anos de traballo nas reunións de seguimento do Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, asinado por CCOO e UGT en 2022. Este pacto incluía, entre outras medidas, a recuperación deste dereito, que se eliminara do Estatuto Básico do Empregado Público cos recortes aplicados polo Goberno do PP en 2012.

    Un acordo clave para rexuvenecer os cadros de persoal, diminuír a precariedade e restituír dereitos

    Ata o de agora, o persoal funcionario e estatutario era o único colectivo de traballadores e traballadoras en España que non podía acceder á xubilación parcial, a pesar de cotizar igual que o resto. Este acordo corrixe unha inxustiza histórica derivada dos recortes aprobados en 2012 polo Goberno do Partido Popular e amplía as opcións de xubilación destes traballadores e traballadoras, que agora poderán decidir como desvincularse da Administración Pública en función da súa idade e circunstancias persoais.

    Ademais, o acordo supón un paso adiante para lograr unha Administración preparada para os novos retos, pois impulsa a remuda xeracional, permitindo a entrada de persoal novo en empregos públicos estables e de calidade e, ao mesmo tempo, pon en valor a experiencia dos traballadores e traballadoras maiores, que poderán transmitir os seus coñecementos ao persoal remudista que os substitúa.

    Un aspecto destacado do acordo é que a persoa remudista que substitúa a quen se xubile parcialmente será sempre persoal funcionario de carreira ou estatutario fixo. As prazas necesarias para cubrir as xubilacións parciais estarán garantidas nas Ofertas de Emprego Público do mesmo ano. Este aspecto axudará a reducir a precariedade nas Administracións e evitará que se xeren novas bolsas de temporalidade inxustificadas.

    Para quen é este acordo

    O acordo afecta ás funcionarias e funcionarios de todas as Administracións Públicas (Rexime Xeral da Seguridade Social e Clases Pasivas) e ao persoal estatutario dos Servizos Públicos de Saúde. O persoal laboral das Administracións Públicas non está incluído neste acordo porque xa podía acollerse á xubilación parcial, sempre que estivese negociada no seu convenio colectivo.

    Cando será unha realidade?

    Agora corresponde ao Goberno impulsar, con axilidade, as modificacións normativas necesarias para que o acordo sexa unha realidade. O compromiso co Goberno é que estas reformas se tramiten “coa maior brevidade” posible, segundo recolle literalmente o texto asinado polo Executivo e as dúas organizacións sindicais.

    As leis que cambiarán son:

    • O Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP): engadindo unha disposición específica sobre a xubilación parcial.
    • A Lei Xeral da Seguridade Social: que regulará a idade, cotización e redución de xornada.
    • A Lei de Clases Pasivas: que tamén require axustes para incluír esta modalidade de xubilación.

    Para CCOO, este compromiso evidencia que o Acordo Marco para unha Administración do Século XXI segue a mellorar os dereitos das empregadas e empregados públicos. Porén, consideran imprescindible abrir a negociación sobre un novo acordo plurianual en materia de dereitos, emprego e retribucións que garanta a estabilidade no Sector Público. Así mesmo, demandan un compromiso específico en materia salarial cunha suba significativa que permita recuperar o poder adquisitivo perdido dende os recortes de 2012.