Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Decembro 2024.

Mobilización en Gadis: «Vivamos coma galegos, non coma escravos!»

    Os sindicatos CCOO, USO e CIG convocaron o luns, 16 de decembro, unha concentración en Ourense fronte a un supermercado da cadea Gadis para denunciar a política laboral da empresa.

    17/12/2024.
    Concentración para esixir o respecto aos dereitos laborais en Gadis (16/12/2024)

    Concentración para esixir o respecto aos dereitos laborais en Gadis (16/12/2024)

    Os sindicatos denuncian que, ao tempo que Gadis acumula millóns de euros en beneficios, «o seu persoal sofre explotación, incumprimentos legais e acoso laboral». Parafraseando un coñecido lema da compañía, os sindicatos exclaman: «vivamos coma galegos, non coma escravos!».

    Segundo explican as tres organizacións, Gadis négase a negociar co comité de empresa os asuntos salariais, remitíndose «ao convenio colectivo de alimentación». Convenio cuxos descansos incumpre, entre eles os semanais, que son obrigatorios.

    «Cando lle esiximos que cumpra a lei, ameaza con peches de tendas e endurecemento dos horarios», sinalan CCOO, USO e CIG. A esta situación súmase a «sobrecarga laboral insostible» pola non cobertura de baixas, vacacións ou permisos.

    Os sindicatos avanzan que esta concentración será o preludio doutras mobilizacións para esixir condicións laborais «saudables, sen acoso nin abusos», a cobertura de todas as ausencias, a compensación económica «xusta» polas horas extraordinarias realizadas, o recoñecemento da antigüidade e melloras salariais «que reflictan o custo actual da vida e o esforzo realizado en áreas como peixaría, carnizaría ou reposición».