Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

Chamamento de CCOO e UGT a unha participación «masiva» na folga pola xubilación anticipada no transporte

    CCOO e UGT fan un chamamento ás traballadoras e traballadores do transporte de mercadorías e viaxeiros por estrada e o transporte público urbano a participaren de maneira «masiva» nas sete xornadas de folga convocadas para esixir a xubilación anticipada. Os paros serán os días 28 de outubro, 11, 28 e 29 de novembro e 5, 9 e 23 de decembro. A partir desta última data, a folga sería indefinida.

    21/10/2024.
    Camións circulando por unha autoestrada

    Camións circulando por unha autoestrada

    As dúas organizacións piden que se recolla no convenio unha xubilación parcial con contrato de substitución, voluntaria para a persoa condutora que poida acumular de forma continuada a porcentaxe de horas que ten que traballar e que, no seu lugar, entre unha persoa nova. Esta sería unha solución provisional ata que se fosen acumulando coeficientes redutores «pola penosidade e o perigo da profesión», aducen.

    Tamén atangue aos autónomos

    CCOO e UGT agardan que a esta mobilización se sumen outros sindicatos que, a día de hoxe, aínda non confirmaron o seu apoio á folga. Asemade, lembran que os motivos da convocatoria tamén implican os condutores profesionais que realizan o seu labor por conta propia.

    Neste sentido, sinalan que a Lei 10/2007, do Estatuto do traballo autónomo, establece que poderán acceder á xubilación anticipada «nos mesmos supostos e colectivos para os que estea establecido o dito dereito respecto dos traballadores por conta allea».

    Por esta razón, CCOO e UGT entenden que as asociacións profesionais de traballadoras e traballadores autónomos e as propias persoas autónomas do sector «están de acordo na necesidade de adiantar a súa idade de xubilación por razón da penosidade e perigosidade da profesión e deberían apoiar a convocatoria de folga».

    Bloqueo do Goberno e das patronais

    CCOO e UGT denuncian que tanto o Goberno como as patronais bloquearon o acceso á aplicación destas medidas. Daquela, a folga do sector non se dirixe só ao Goberno, para esixirlle unha regulación, senón que tamén «vai contra as patronais do transporte por estrada como responsables directas das condicións de traballo».

    Desde hai meses leváronse a cabo distintas accións, como reunións coa patronal e solicitudes de encontros cos ministerios implicados —Transportes, Traballo e Seguridade Social—, concentracións e mobilizacións, así como iniciativas parlamentarias a petición dos sindicatos. Todas estas medidas resolvéronse sen avances, «o que non deixa máis saída que a convocatoria de paros no sector», subliñan as organizacións convocadoras.

    Desde CCOO e UGT pídenlle «comprensión» a toda a sociedade polos efectos negativos que poida ocasionar a folga, coa que, en última instancia, «estamos a velar pola seguridade viaria de todos e todas e por unha mellor calidade de vida da clase traballadora».