Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

CCOO pide reformar a Risga: só 15 de cada 100 persoas en situación de pobreza percibe unha prestación

    Este 17 de outubro, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia fai un chamamento aos distintos poderes públicos a adoptaren as medidas necesarias para erradicar a pobreza e lograr unha sociedade humana e digna que non deixe a ninguén atrás.

    17/10/2024.
    CCOO elaborou un estudo que inclúe propostas para combater a pobreza

    CCOO elaborou un estudo que inclúe propostas para combater a pobreza

    A pobreza é un inadmisible problema social que pexa as vidas de milleiros de galegos e galegas. Segundo o indicador AROPE, no ano 2023 estaban en situación de risco de pobreza ou exclusión social 687 000 persoas; destas, 523 000 (case o 20 % da poboación galega) vivían por baixo do limiar da pobreza. A peor situación, as 220 000 persoas en situación de pobreza extrema.

    Fronte a isto, só 15 de cada 100 persoas en risco de pobreza teñen unha prestación: 5508 perciben a renda de inclusión social de Galicia (Risga) e 30 026 o ingreso mínimo vital (imv). Algo non se está a facer ben, sen dúbida.

    Non podemos esquecer a situación dos pensionistas galegos: a contía das súas prestacións está na maior parte dos casos por baixo do limiar da pobreza (algo máis da metade) e case dúas de cada dez teñen contías inferiores ao limiar de pobreza extrema.

    Neste grave contexto, desde CCOO consideramos que as redes de protección social deben desempeñar un papel determinante. O sistema público de pensións e de protección por desemprego e as rendas de inserción deben cubrir as necesidades básicas das persoas, en especial das que se atopen en situación máis vulnerable.

    Pero non abonda: cómpren outras medidas para reducir a desigualdade e a pobreza, como favorecer o acceso ás prestacións, garantir por lei a cobertura das necesidades vitais das persoas con máis dificultades, actuar sobre o desemprego de longa duración, asegurar o acceso a unha vivenda digna ou dotar de recursos humanos e económicos o sistema galego de servizos sociais.

    En palabras do secretario xeral das Nacións Unidas, «a pobreza non é inevitable». Por iso, este 17 de outubro, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia reivindica políticas de protección social que poñan as persoas no centro e ofrezan medios e oportunidades para saír da pobreza.


    Este texto foi aprobado como resolución do Comité de Dirección Nacional de CCOO do 17 de outubro do 2024.