Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

A secretaria xeral de CCOO amosoulle o seu apoio ao persoal en folga da CRTVG

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, participou este mediodía na concentración convocada polo comité intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). Alí expresoulles o apoio do sindicato aos traballadores e traballadoras, en folga desde o pasado día 7.

    14/10/2024.
    A secretaria xeral de CCOO participou este mediodía na concentración do persoal da CRTVG

    A secretaria xeral de CCOO participou este mediodía na concentración do persoal da CRTVG

    O motivo máis inmediato para esta folga é a eliminación da grella televisiva do veterano programa A Revista, elaborado por medios propios da CRTVG, por un formato case idéntico que realizan empresas privadas, chamado O Termómetro. Máis gasto e, ao tempo, desvalorización das funcións do persoal dos medios públicos, denuncia o comité.

    De pano de fondo, as constantes denuncias contra a manipulación informativa nos medios de comunicación públicos, que se pode agravar coa modificación lexislativa impulsada polo Partido Popular co obxectivo de reforzar o seu control sobre a Corporación e os contidos que se emiten.

    «A todos se nos enche a boca falando do cuarto poder, sobre todo á clase política», sinalou Amelia Pérez. «Pero ese cuarto poder», matizou, «non pode ser a correa de transmisión dun partido político en particular, ten que ser o que controle a política deste país», aseverou.

    Consciente de que «as folgas non son fáciles» e de que este conflito non vai ser «de curto percorrido», a dirixente sindical lembroulles aos traballadores e traballadoras concentradas ás portas de San Marcos que «tedes o apoio de CCOO para todo o que precisedes».

    «Desde o S. N. de CCOO de Galicia defendemos que, como medios públicos, a radio e televisión de Galicia deben fomentar a produción propia, amais de contar con mecanismos contra a manipulación informativa, garantir a pluralidade nos espazos de debate e opinión e apostar por contidos de calidade, que é o que demanda e merece o pobo galego», sinala Amelia Pérez.

    Neste contexto, a secretaria xeral de CCOO agradeceu a implicación das traballadoras e traballadores en folga do Termómetro, que un día máis impediron a normal emisión deste programa.