Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

15 de outubro: Día Internacional das Mulleres Rurais

    O rural galego sobrevive, desde hai décadas, á custa do esforzo de tantas mulleres que traballan a terra ou recuperan os coidados tradicionais da gandería; tamén grazas ás que actualizan e desenvolven novos proxectos para manter vivo o agro.

    14/10/2024.
    15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais

    15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais

    Somos un pobo esencialmente rural que, porén, tivemos invisibilizado o traballo non remunerado de tantas mulleres en explotacións agrarias que figuraban co único nome dos seus maridos, pero onde elas facían tanto coma eles sen recoñecemento legal nin social. A inclusión destas mulleres na propiedade desas explotacións foi unha reivindicación que este sindicato apoiou durante tempo ata conseguir convertela en norma.

    Os prexuízos patriarcais e capitalistas que teiman en agochar a participación igualitaria das mulleres nas tarefas de mantemento do rural esténdense arredor do mundo. Na loita contra esa situación, as organizacións internacionais consideraron necesario dedicar un día do calendario a reivindicar o seu labor imprescindible na subministración alimentaria e de servizos a todo o mundo, así como facérmonos eco das necesidades específicas destas mulleres e do mundo rural.

    Desde a ONU lembran que aínda queda moito traballo por facer nas zonas rurais para que estas traballadoras invisibilizadas (malia seren tanto asalariadas como empresarias) conten coas mesmas oportunidades que os homes rurais. 

    Porque o campo galego está cheo de traballadoras, moitas delas aínda en situacións informais ou irregulares, e porque a dureza das condicións de vida das gandeiras e labradoras galegas debe abordarse desde a perspectiva do traballo igualitario, CCOO, a través do Gabinete de Igualdade, únese ás reivindicacións deste 15 de outubro. 

    Unímonos pola igualdade para as mulleres do rural!