Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Novembro 2024.

Anuncio de mobilizacións e folga en DS Smith

    O persoal de DS Smith, a antiga Lantero, decidiu en asemblea convocar mobilizacións e folga ante a imposibilidade de chegar a un acordo coa dirección da planta, situada en Vilagarcía de Arousa.

    14/10/2024.
    Planta de DS Smith en Vilagarcía de Arousa

    Planta de DS Smith en Vilagarcía de Arousa

    Un dos motivos é a negativa a que remate ou, cando menos, se minimice a discriminación salarial do persoal que se incorporou nos últimos quince anos respecto ao resto. Outra das razóns, a esixencia do cumprimento dos acordos que xa existen na empresa canto á perda de poder adquisitivo nos últimos anos e equiparación en materia de categorías profesionais con outras empresas do mesmo grupo.

    O comité de empresa, presidido por CCOO, leva dese marzo tentando chegar a un acordo para solucionar a situación, incluíndo unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais o pasado 25 de setembro, que rematou sen avinza.

    Fracasada a liña de diálogo, a asemblea acordou iniciar mobilizacións «para amosar o malestar de todo o persoal e solicitarlle á empresa que cambie a súa posición respecto destes temas», indica o comité, que proximamente anunciará o calendario previsto.