Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

CCOO reclámalle á Xunta que aplique a Lei de vivenda e utilice as súas competencias para o cambio de modelo produtivo

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia reclámalle á Xunta que aplique «decontado» a Lei de vivenda «para dar solución hoxe ao principal problema dos galegos e das galegas». Así llo trasladou ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na reunión que tiveron e na que o Goberno galego lles presentou aos sindicatos as principais liñas dos Orzamentos do 2025.

    11/10/2024.
    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    Persoa dependente | Foto: Pixabay

    Para Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO, a promesa da Xunta de construír vivendas «pode ser parte da solución» a medio prazo, «dentro de tres ou catro anos», pero as galegas e galegos «precisan respostas agora», subliñou. Por esta razón, exhortou o Goberno galego a facer uso das ferramentas que pon na súa man a lexislación estatal e, deste xeito, actuar sobre o mercado inmobiliario.

    Por outra banda, a representante de CCOO na reunión tamén lle pediu ao conselleiro a revisión do pacto local. Segundo explicou, os concellos padecen un «problema importantísimo», que é a falta de financiamento para asumiren cada vez máis competencias.

    O caso máis «dramático» é o servizo de axuda no fogar, cunhas «deplorables» condicións laborais que impiden unha axeitada prestación. Na súa opinión, cómpre definir tanto o ámbito de competencias como o financiamento.

    Tamén no ámbito público, Maica Bouza esixiu o reforzamento de todos eles, desde a atención primaria ao ensino ou a atención á dependencia, na dobre vertente de creación e mantemento de emprego de calidade e con dereitos e na da axeitada prestación dunha carteira de servizos esenciais.

    O terceiro eixe das reivindicacións de CCOO centrouse no modelo produtivo. Maica Bouza instou a Xunta de Galicia a exercer as súas «amplas competencias» en política industrial e de apoio aos sectores produtivos. «Fálase moito del, pero o cambio de modelo non dá chegado», reprochou a sindicalista ao remate da reunión.

    A secretaria de Emprego de CCOO apelou a «deixar de fialo todo ao turismo ou, cando toque, ao Xacobeo», a abandonar a pasividade ante proxectos «que, máis alá do márketing, non se sabe se chegarán» e adoptar unha «actitude proactiva» para diversificar a economía do país.