Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

O persoal da Seguridade Social continúa coas mobilizacións este mes de outubro

    O persoal da Seguridade Social segue coas mobilizacións este mes de outubro, convocadas polos sindicatos CCOO, CIG e CSIF. O luns, día 14, ás 11 horas, concentraranse diante da dirección provincial do INSS en Vigo (rúa do Grove, n.º 4), para esixir o cumprimento dos acordos asinados hai ano e medio.

    11/10/2024.
    Dirección provincial do INSS en Vigo

    Dirección provincial do INSS en Vigo

    O dito acordo, pola súa vez, é a prórroga doutro —tamén incumprido— do 2018 polo que se establecen as condicións iniciais para a execución dun plan estratéxico de recursos humanos na Administración da Seguridade Social.

    Os sindicatos denuncian as «difíciles condicións» en que o persoal laboral e funcionario desenvolve o seu traballo na Seguridade Social, como o aumento das cargas de traballo ou as dificultades por constantes cambios normativos e evolución da xestión telemática e organizativa.

    As principais esixencias sindicais teñen que ver coa xestión dos recursos humanos, a revisión do modelo de produtividades, a provisión de prazas, o traballo voluntario a distancia, a revisión de complementos e retribucións específicas vinculadas ao posto e a estabilidade no emprego.

    Así mesmo, os sindicatos seguen esixindo o cumprimento do resto de materias recollidas no acordo do 2023: revisión en profundidade da circular de acción social, recuperación do proxecto de escola de formación, creación dos comités provinciais de seguridade e saúde, convocatoria do grupo de traballo de responsabilidade social, plans de igualdade e revisión de protocolos de actuación e demandas do persoal alleo ao convenio no ámbito sanitario dependente do Instituto Social da Mariña e do IMSERSO.