Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

No Día Mundial da Saúde Mental, CCOO pide reforzar a prevención efectiva dos riscos psicosociais no traballo

    Este xoves, 10 de outubro, é o Día Mundial da Saúde Mental. Con motivo desta efeméride, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia pide reforzar a prevención efectiva dos riscos psicosociais nos medios laborais. Entre outras medidas, o sindicato avoga pola obrigatoriedade das avaliacións de riscos ou por incluír as desordes mentais no cadro de enfermidades profesionais.

    10/10/2024.
    O 10 de outubro é o Día Mundial da Saúde Mental

    O 10 de outubro é o Día Mundial da Saúde Mental

    O secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia, Armando Iglesias, sinala que o risco psicosocial «está por tras doutras moitas doenzas, accidentes e mesmo mortes, pero non se ve», polo que considerou que unha das tarefas prioritarias é «facelo visible».

    Para exemplificar isto cun dato, o sindicalista lembra que o 42 % das 53 mortes en accidente de traballo rexistradas o ano pasado foron «infartos e outras patoloxías non traumáticas». Ante esta avultada cifra, chama a preguntarse que incidencia puido ter o risco psicosocial en parte destes desenlaces fatais.

    En opinión de CCOO, unha organización do traballo inadecuada pode elevar o risco psicosocial, agravar outras patoloxías e aumentar as posibilidades de padecer un accidente laboral. O sindicato asume que se trata dun reto social, pero tamén dunha prioridade no labor sindical polo que significa de protección da saúde das persoas traballadoras.

    Saúde mental e absentismo

    Ademais de incrementar o risco dun accidente, os problemas de saúde mental tamén están por tras de moitas situacións de incapacidade temporal (IT) e o sistema sanitario público «non conta con recursos abondo», como demostran as listaxes de espera para servizos como o de psiquiatría, que nalgunhas áreas sanitarias supera con moito os dous meses.

    «Segundo os propios datos da Xunta de Galicia, case a metade de persoas que deixaron de estar en situación de incapacidade temporal (IT) foi tras recibiren unha cita médica. Disto dedúcese que a maior parte do problema está causada pola falta de persoal no Sergas», conclúe o secretario de Saúde Laboral de CCOO.