Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

Xornada Mundial polo Traballo Decente: Non hai traballo decente sen democracia na sociedade e no traballo

    A democracia está no centro da acción sindical mundial que representa a Confederación Sindical Internacional —da cal forma parte CCOO— porque porque a democracia está en crise en moitos lugares do mundo; un mundo axexado por conflitos armados, por déficits do Estado de dereito e das liberdades, pola crise climática e o avance da tecnoloxía dixital e por unha intelixencia artificial que non sempre teñen un impacto positivo sobre as persoas.

    07/10/2024.
    7 de outubro, Xornada Mundial polo Traballo Decente

    7 de outubro, Xornada Mundial polo Traballo Decente

    A democracia no traballo non existe para millóns de persoas traballadoras que non teñen acceso a negociación colectiva onde establecer condicións e salarios xustos, dignos e equitativos, nin para desenvolver capacidades nin acceso á protección social, nin ao dereito á folga ou a crear sindicatos e afiliarse a eles, nin á participación de ningún tipo.

    En nove de cada dez países vulnérase o dereito á folga, en oito de cada dez a negociación colectiva, en catro de cada dez impídese ou prohíbese a existencia de sindicatos, o 49 % de países do mundo encarcera persoas pola súa actividade sindical, vulnerando así o convenio fundamental da OIT á liberdade sindical.

    Os sindicatos proporcionamos, facilitamos e defendemos a democracia nos lugares de traballo, garantindo así que as persoas traballadoras somos seres humanos e parte da empresa, e non meras mercadorías. Os países con menor taxa de afiliación sindical e menos cobertura de convenios colectivos sitúanse nos últimos lugares canto a democracia e o seu emprego é máis precario.

    Demóstrase o nexo entre democracia e solidez dos dereitos das persoas traballadoras, xa que a democracia no traballo revitaliza a democracia en todas as esferas da vida.

    A redución da xornada de traballo que demandamos desde CCOO en España supón humanizar as relacións laborais e mellorar a vida das persoas. Iso tamén é democracia, traballo decente, xustiza social e unha distribución equitativa da produtividade, que non sexa unicamente aumentos dos beneficios empresariais, senón riqueza que beneficie a toda a sociedade.

    A negociación colectiva logrou reducir a xornada en España a unha media de 38,5 horas semanais, pero non todos os sectores nin empresas acadaron ese dereito.

    Neste 7 de outubro, Xornada Mundial polo Traballo Decente, desde CCOO reivindicamos a democracia na sociedade e no traballo como un valor fundamental para lograr o traballo decente, humanizar as relacións de traballo e garantir os dereitos fundamentais das persoas traballadoras.