Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

Unha suba do paro superior á media estatal pon de manifesto que Galicia precisa políticas sectoriais axeitadas

    O paro rexistrado sobe por terceiro mes consecutivo en Galicia. Os datos de setembro, coñecidos hoxe, indican un aumento de 2314 persoas, un 1,95 %, o segundo maior incremento do Estado, onde a suba media foi do 0,12 %. Deste xeito, a cifra total de persoas desempregadas sitúase en 120 992. Ao tempo, a afiliación á Seguridade Social diminúe e achégase a niveis do ano 2008. Tomando o dato do último día do mes, a diminución foi de 11 307 afiliados e afiliadas (–1,04 %); considerando a media mensual, a mingua foi de 7040 persoas (–0,64 %).

    02/10/2024.
    Datos do paro rexistrado

    Datos do paro rexistrado

    Con máis paro e menos afiliación á Seguridade Social, CCOO coida que as cifras poñen de manifesto que Galicia precisa «políticas sectoriais axeitadas para mudar o rumbo» e subliña que a galega é a segunda comunidade autónoma onde máis medra o paro, só por tras de Andalucía, mentres noutras oito baixou o desemprego.

    «Estamos diante duns datos que se reproducen cada mes de setembro cando remata a temporada de verán», explica a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza. Segundo explica, «medra o desemprego pola caída da contratación nos servizos ligados fundamentalmente á estacionalidade». A diferenza está en que o incremento do desemprego en Galicia «é superior ao doutros meses de setembro de anos anteriores», sinala.

    «Galicia precisa algo máis que turismo e Xacobeo para medrar e crear emprego de calidade», reprocha Maica Bouza, que avoga por «un sector industrial forte e un sector dos servizos de alto valor engadido, o que se consegue con políticas sectoriais adecuadas». Ademais, insta o presidente galego a «deixar de traballar para o PP estatal» e cumprir coas súas obrigas: «os próximos orzamentos da Xunta para 2025 teñen que dar resposta ás necesidades de Galicia; deberán recoller tamén unha aposta polos servizos públicos para garantir sanidade, ensino e servizos sociais de calidade».

    Análise dos datos

    En Galicia están no desemprego 49 454 homes (+1137) e 71 538 mulleres (+1177). En termos porcentuais, o desemprego masculino medra máis (2,35 %, fronte un 1,67 % o feminino), pero non se reduce a fenda das mulleres no desemprego, pois seis de cada dez persoas paradas son mulleres.

    Atendendo ás idades, hai 5005 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (+564) e 115 987 que superan esa idade (+1750). Non obstante, en termos porcentuais, o incremento na mocidade é superior que nas persoas maiores: 12,69 % fronte a 1,53 %.

    Análise por sectores e da contratación

    O paro medra en todos os sectores de actividade: +1491 nos servizos, +617 no colectivo sen emprego anterior, +128 na industria, +74 no sector primario e +4 na construción.

    No mes de setembro fixéronse 70 971 contratos en Galicia (+14,85 %). Aínda que o groso deles son temporais (48 916 por 22 055 indefinidos), cómpre destacar o importante crecemento do emprego indefinido (+40,48 %) fronte ao menor aumento do emprego temporal (+6,12 %). En Galicia, 31 de cada 100 contratos asinados son indefinidos, cando antes da reforma laboral a porcentaxe era de 10 de cada 100. «Sendo moi positivo, este dato segue sendo peor que no conxunto do Estado, onde o 44 % dos contratos rexistrados son indefinidos», explica Maica Bouza.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación cae en 11 307 persoas ata situarse en 1 078 487 afiliados e afiliadas, rexistrando unha caída do 1,04 % en relación co mes anterior, cando o Estado rexistra un incremento do 0,1 %.

    A afiliación media mensual redúcese en 7040 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 085 846. Deste total, 862 830 corresponden ao réxime xeral, 204 610 ao de autónomos e 18 406 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia diminúe un 0,64 % mentres que no Estado medra un 0,04 %.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e de autónomos, constátase que no mes de setembro cae a afiliación de maneira importante na hostalaría (case 6000 empregos), no comercio (3078), na sanidade (1400) e na administración pública e nas actividades recreativas (caen 1000 empregos cada unha delas). Pola contra, as actividades en que máis emprego se crea son a educación (+2793), as actividades administrativas (+2284) e o transporte (+1045).

    Prestacións por desemprego

    En agosto cobraron algún tipo de prestación por desemprego 80 308 persoas: 39 920 prestacións contributivas e 40 388 subsidios.

    En relación cos erte do mes de setembro, hai que sinalar que o número de traballadores e traballadoras afectados ascende a 985 a final do mes: 833 estaban en erte etop e 152 en erte de forza maior.