Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Decembro 2024.

1 de outubro do 2024: Día Internacional das Persoas de Idade

    Hai 34 anos, a Asemblea Xeral da ONU, na súa resolución 45/106, designou o 1º de outubro como Día Internacional das Persoas de Idade, data que en CCOO vimos celebrando e reivindicando para obter a visibilidade necesaria e destacar as importantes contribucións que as persoas maiores realizamos para o avance da nosa sociedade e para crear conciencia interxeracional sobre as oportunidades e desafíos do envellecemento activo na nosa sociedade.

    30/09/2024.
    Día Internacional das Persoas de Idade 2024

    Día Internacional das Persoas de Idade 2024

    Os cambios demográficos que comezaron nas últimas décadas do século XX están transformando a composición social da poboación española. A ausencia dunha política de fomento da natalidade (conciliación laboral e familiar, axudas ás familias con fillos), a caída da fecundidade, o aumento da idade de formación das familias, a inexistente política de vivendas sociais e a prolongación da esperanza de vida están dando lugar a poboacións cada vez máis envellecidas.

    Os países do chamado «mundo occidental» albergarán máis de dous terzos da poboación de idade avanzada do mundo. No ano 2050 alcanzaremos a cifra de 1100 millóns de persoas maiores. En España chegaremos case ao 20 % de persoas maiores de 65 anos, dunha poboación duns 48 millóns de persoas.

    Falar de envellecemento no mundo rural é falar de soidade non desexada e falta de servizos para atender a poboación. Cómpre pór en marcha un plan nacional contra a soidade non desexada, coa creación de redes de apoio, políticas de saúde mental, mellora das condicións das vivendas, das zonas comunitarias e das condicións económicas.

    Ante o envellecemento da poboación nas zonas rurais, a atención e os coidados son elementos esenciais para asegurar a calidade de vida das persoas maiores residentes neses núcleos de poboación. Tamén hai que ter moi presentes as persoas novas, que son as que atenden e coidan das maiores e necesitan unhas condicións de traballo dignas.

    A pandemia da covid-19 serviu para concienciarnos da importancia de contar cuns servizos públicos que garantan o benestar de toda a poboación, aínda que non debemos obviar os retos que aínda presentan, principalmente para as persoas maiores; por iso urxe resolver as numerosas carencias que ten o noso sistema de protección social.

    O sistema público de saúde, a protección á dependencia, os servizos sociais, o sistema público de pensións, etc., son elementos esenciais para que as persoas poidamos envellecer en condicións saudables e con autonomía. Son instrumentos necesarios para loitar contra a desigualdade en todas as etapas da vida. Cómpre abordar as desigualdades territoriais, así como a cobertura de servizos e recursos destinados a atender as persoas maiores.

    A sanidade pública está baixo mínimos, asistimos a unha debilitación consciente da sanidade pública; a privatización e a falta de investimentos estana levando a unha situación insostible. Esiximos aumentar o investimento en políticas de sanidade e, especialmente, na atención primaria.

    As reformas do Sistema Público de Pensións e Seguridade Social van na dirección de lles asegurar ás persoas que se xubilan unhas pensións dignas que lles permitan cubrir as súas necesidades no plano económico. Hai que seguir avanzando para mellorar as pensións non contributivas, as pensións mínimas e ir pechando a fenda nas pensións contributivas que perciben os homes e as mulleres.

    A esta fenda nas pensións contribúe a diferenza salarial entre homes e mulleres, pois elas cobran tradicionalmente salarios inferiores a pesar de realizaren o mesmo traballo. Á fenda das pensións tamén axudan os diversos roles que desempeñan ou desempeñaron os homes e as mulleres no coidado dos fillos ou familiares, pois son as mulleres principalmente as que coidan deles en caso necesario.

    Na Mesa de Diálogo Social asinouse un acordo co Goberno para desenvolver e fortalecer o Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia (SAAD). Este acordo supuxo que, de forma permanente, unha parte dos orzamentos do Estado se dedicara ao financiamento do SAAD. Así, no ano 2021 incrementouse este financiamento en 600 millóns de euros acumulados durante os anos 2021, 2022 e 2023, o que serviu para subir as contías do nivel mínimo un 17,4 % e recuperar o nivel acordado.

    A falta de implementación de recursos nas políticas de atención á dependencia ten un impacto negativo nas condicións laborais e profesionais dos traballadores, maioritariamente mulleres, que se ocupan da atención das persoas dependentes.

    Por todo isto, o día 1 de outubro, as federacións de pensionistas e xubilados de CCOO reclamámoslles ao Goberno e ao conxunto das Administracións e poderes públicos o seguinte:

    1. O desenvolvemento e execución de políticas públicas en materias de promoción da saúde son imprescindibles para garantir o envellecemento activo; a falta destas inflúe de forma directa na deterioración da saúde e as capacidades autónomas das persoas maiores. Faise necesario aumentar o gasto sanitario público ata, polo menos, o 7,5 % do PIB, algo que levamos anos reivindicando e que coa pandemia se demostrou moi necesario. Ese incremento no financiamento debe ir acompañado do incremento do gasto en atención primaria ata o 25 % do total, para lograr achegar á poboación os servizos sanitarios e darlle máis capacidade á atención primaria.

    2. Cómpre impulsar a atención domiciliaria ás persoas dependentes, así como reforzar os centros de atención diúrnos e nocturnos. Tamén é necesario recoñecer o esforzo que fixeron durante a pandemia os traballadores e traballadoras das residencias, que traballaron en condicións moi precarias; con este persoal séguese tendo a débeda de lles asegurar unhas condicións de traballo xustas e dignas. Para asegurar o modelo residencial que necesitamos, é imprescindible contarmos con protocolos de como se debe coidar as persoas usuarias nas residencias.

    3. A formación das persoas que coidan, a súa dotación suficiente que mellore as ratios actuais, a mellora das súas condicións de traballo son elementos esenciais na calidade da atención que se precisa. É necesaria a vixilancia das Administracións publicas competentes para asegurar que se cumpren as condicións acordes coa licenza de funcionamento das residencias. Hai que diminuír o risco de condutas inadecuadas ou un sistema baseado máis no negocio que na atención e o benestar das persoas residentes.

    4. Reclamamos que entre as prioridades políticas do Goberno se inclúa a necesidade de lexislar unha lei integral dos dereitos das persoas maiores, que garanta a protección específica deste colectivo. Deberá recoller os ámbitos da saúde, a vivenda, a protección social e económica, a protección xurídica, a cultural e o ocio, a non discriminación pola idade ou sexo e que garanta a visibilidade e a participación activa das persoas maiores en todos os ámbitos da sociedade. Unha lei que protexa e impulse a idea do envellecemento activo como un logro obtido polos avances científicos e técnicos do coñecemento humano e, asemade, como un reto para conseguir que durante o tempo que se prolongue a vida, se garanta que sexa coa mellor calidade.

    5. Os partidos políticos teñen que ter en conta que o colectivo de persoas maiores é moi vulnerable ás políticas de recortes, e máis cando, en demasiadas ocasións, pasamos a converternos en sustentadoras principais das xeracións máis novas, pois as pensións supoñen a principal fonte de ingresos de máis do 25 % dos fogares.

    6. É necesario abordar as desigualdades ao longo de todas as etapas da vida. As políticas públicas deben garantir o exercicio efectivo dos dereitos e promover asemade a redistribución da riqueza, pois existe marxe para mellorar a contribución fiscal, así como para lograr un sistema fiscal más xusto, cunha repartición máis equilibrada dos esforzos; sen isto, as desigualdades económicas e sociais experimentadas ao longo da vida trasládanse á vellez, como sucede coas fendas de xénero, no traballo, coidado e pensións.

    Para o colectivo de persoas maiores, de forma compatible coa valoración positiva do noso sistema de pensións contributivas, a marxe de mellora das pensións en colectivos significativos é evidente.

    Un 25,64 % das pensións contributivas sitúanse por debaixo do nivel de pobreza relativa (60 % da media de ingresos), máis dun 28 % se lle sumamos as pensións non contributivas.

    Incluso un 8,19 % das pensións están por baixo do nivel de pobreza grave (30 % de media de ingresos).

    Por iso a nosa reivindicación de incremento de pensións baixas está máis ca xustificada.

    Enmarcado en termos de pobreza, o acordo asinado polos sindicatos co Goberno de restablecer o ipc como índice revalorizador das pensións e asegurar o nulo efecto da inflación negativa supuxo poñer freo á sangría continua de perda de poder adquisitivo dos pensionistas. Así como a desaparición do factor de sostibilidade, que actuaba como unha espada de Damocles, pretendía rebaixar as pensións de maneira crecente, ata alcanzar o 20 % das persoas traballadoras arredor dos 20-25 anos, para continuar aumentando o recorte incluso despois, deixando os futuros pensionistas nunha situación límite no momento máis vulnerable das súas vidas.

    7. É moi importante iniciar un debate para, posteriormente, plasmalo nunha futura lei integral das persoas maiores. Esta debería garantir unha protección específica aos maiores e incluír os ámbitos da saúde, a vivenda, a protección social e económica, a cultura ou o ocio.

    8. Considerar o feito do envellecemento como un logro obtido polos avances científico-técnicos do coñecemento humano e, á vez, como un reto para conseguir que durante o tempo que se prolongue a vida, se garanta a súa mellor calidade.

    9. Seguiremos mobilizándonos contra a pobreza enerxética, pois o prezo da luz é desorbitado. Por iso deberían aplicarse medidas especificas para a poboación máis vulnerable, tales como:

    — Desenvolver programas para a poboación que, por encontrase en situación de pobreza enerxética, non pode acometer ningunha medida de eficiencia enerxética e necesita das administracións públicas (Goberno central, gobernos autonómicos e municipais) que financien esas actuacións.

     — Ampliar e reforzar o bono social para as persoas vulnerables.

     — Estender o prazo de moratoria aos cortes de luz para a poboación vulnerable.

     — Aplicar unha tarifa máis baixa para un consumo mínimo vital nos primeiros quilowatts hora.

    As persoas pensionistas e xubiladas de CCOO, ante os problemas que ten o noso colectivo e se non se teñen en conta as nosas propostas para o desenvolvemento de políticas públicas, maior dotación de recursos para mellorar o sistema de saúde e dependencia, o financiamento das pensións, a aplicación transversal da perspectiva de xénero e a reformulación do sistema produtivo e fiscal, seguiremos mobilizándonos, chamando o conxunto da sociedade e concorrendo con ela nestas mobilizacións.