Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

CCOO sae en defensa do emprego e da atención no asilo de Cambados

    Comisións Obreiras (CCOO) sae en defensa dos postos de traballo e da atención que precisan as persoas usuarias do asilo de Cambados. O sindicato ve «con fonda preocupación» as noticias sobre a intención de vender o inmoble, o pazo de Monte Sacro, onde unha congregación relixiosa xestiona a Residencia Nuestra Señora de La Valvanera.

    25/09/2024.
    Reunión de membros de CCOO co alcalde de Cambados

    Reunión de membros de CCOO co alcalde de Cambados

    Segundo a Federación e Pensionistas e Xubilados do sindicato (FPX-CCOO), o asilo atende a sesenta persoas e dá traballo a trinta. En caso de venderse o pazo, a comarca carecería de alternativas, pois non hai ningunha residencia de titularidade pública.

    Por outra banda, CCOO subliña que nas instalacións se atende a colectivos «especialmente vulnerables» e con dificultades económicas que non poderían acceder a outro tipo de residencia.

    CCOO urxe as institucións a actuaren

    Ante esta situación, CCOO urxe as diferentes institucións a tomaren cartas no asunto. O sindicato iniciou co alcalde de Cambados unha rolda de contactos coas Administracións públicas á procura dunha solución.

    Neste encontro con Samuel Lago houbo coincidencia canto á necesidade de manter a residencia e a atención que se presta en Cambados, así como os postos de traballo. Non obstante, a entidade local non é capaz de afrontar en solitario a solución a este serio problema social.

    Por tal motivo, a intención de Comisións Obreiras é concertar xuntanzas coa Deputación de Pontevedra e coa Xunta de Galicia, esta última como Administración que ten a competencia na atención ás persoas maiores.

    Documentación asociada
    Documentación asociada