Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

As empresas aumentan a marxe de beneficios grazas ás hora extras non pagadas

    O Gabinete Económico Confederal de CCOO presentou un estudo que revela o enriquecemento das empresas á custa das horas extras que non lles aboan ás persoas traballadoras. En toda España, 2,6 millóns de horas non retribuídas cada semana, que supoñen 3254 millóns de euros adicionais para as empresas, denuncia o sindicato.

    25/09/2024.
    Informe de CCOO sobre as horas extras non pagadas

    Informe de CCOO sobre as horas extras non pagadas

    Para CCOO, esta situación é a proba máis contundente de que cómpre contar cun sistema de rexistro horario nas empresas, de maneira que se controle axeitadamente tanto a xornada laboral como as horas extras realizadas.

    O sindicato considera unha forma de explotación este traballo non remunerado que contribúe a engordar as marxes de beneficio das empresas.

    A partir dos datos da EPA, CCOO calcula en 419.000 as persoas que cada semana realizan horas de traballo extraordinarias que non se pagan. Asemade, o INE detecta que máis dun millón de persoas asalariadas a xornada completa traballa habitualmente máis horas das pactadas, sen que haxa constatación sobre o abono ou cotización por ese traballo adicional.

    Os sectores con maior volume de horas extras non pagadas son o ensino, a industria, a hostalaría e o comercio. Pola súa parte, os sectores con maior porcentaxe de traballadores ou traballadoras nesta situación serían as finanzas e os seguros; os servizos profesionais, científicos e técnicos; a enerxía, a educación e a información; e as comunicacións.

    Mobilizacións para reducir a xornada

    Ao tempo que se coñecen estes datos, CCOO está inmersa nunha campaña para conseguir a redución da xornada laboral máxima de 40 horas semanais, instaurada xa hai máis de corenta anos.

    Para CCOO, é o momento de ir cara a unha redución do tempo de traballo por lei: as empresas contan con marxes que non pararon de crecer mentres que os soldos non o fan ao mesmo ritmo. Ademais, é unha boa forma de inducir unha produtividade sa a longo prazo.

    Con este obxectivo, o sindicato convoca concentracións mañá xoves, 26 de setembro_

    — A Coruña. Ás 11.30 h na praza de Luís Seoane, n.º 1.

    — Lugo. Ás 11.30 h na praza de Santo Domingo, n.º 6.

    — Ourense. Ás 12 h na praza das Damas, n.º 1.

    — Vigo. Ás 11.30 h na rúa de García Barbón, n.º 104.

    — Viveiro. Ás 12 h diante do edificio sindical.