Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

Presentada a ILP para «democratizar» a CRTVG

    O mércores, 11 de setembro, foi presentada publicamente a iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada polo comité intercentros da CRTVG para «democratizar» os medios de comunicación públicos autonómicos.

    12/09/2024.
    O comité intercentros chama a liberar e democratizar a CRTVG

    O comité intercentros chama a liberar e democratizar a CRTVG

    «Os medios públicos non pertencen ao Goberno, son da cidadanía e están ao servizo deste país», proclamou a xornalista Tareixa Navaza nunha comparecencia ante os medios de comunicación após o rexistro da iniciativa no Parlamento de galicia.

    Acompañada de representantes sindicais na CRTVG, Navaza apelou a cidadanía a implicarse para que a ILP chegue a bo termo: cómpren 10.000 sinaturas para que a Cámara autonómica a tome en consideración para o seu debate.

    Contra o anteproxecto da Xunta

    Asemade, as traballadoras e traballadores da Corporación ratificaron en asembleas a súa oposición frontal ao anteproxecto de lei da Xunta que prevé transformar definitivamente os medios de comunicación públicos do país «nunha antidemocrática máquina de propaganda ao servizo exclusivo dos intereses do Partido Popular», denuncia o comité.

    As traballadoras concordan en que este anteproxecto é unha burda burla á democracia que, de prosperar, transformaría definitivamente a radio e a televisión públicas de todos os galegos e galegas no maior órgano de propaganda do Partido Popular de Galicia, sen contrapoder algún e financiado cos cartos de todas e todos.

    No transcurso das asembleas, as traballadoras da CRTVG acordaron mobilizarse contra o que consideran «unha gravísima modificación lexislativa» coa que o PP pretende «conseguir de vez o que ningún goberno autonómico se atreveu a implementar», que a utilización «espuria» de caudais públicos «para satisfacer intereses partidistas e privados».