Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

Os datos do paro rexistrado poñen de manifesto que «non se albisca» o cambio de modelo produtivo que Galicia precisa

    Os datos do paro rexistrado do mes de agosto, coñecidos hoxe, indican un aumento en 633 persoas (+0,54 %). Pola súa banda, a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 988 afiliados e afiliadas (+0,09 %); porén, atendendo á media mensual, diminúe en 487 (–0,04 %). Ao tempo, o incremento do paro é inferior ao rexistrado no conxunto do Estado e a caída da afiliación tamén é menor.

    03/09/2024.
    Galicia perdeu 633 empregos ao remate do mes de agosto

    Galicia perdeu 633 empregos ao remate do mes de agosto

    Malia esta suba, o dato do paro rexistrado, con 118 678 desempregadas e desempregados, segue entre os máis baixos da serie histórica. O emprego, medido en termos de afiliación á Seguridade Social, sitúase nos niveis de 2008.

    En opinión da secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, os datos «son positivos» en canto a que reflicten un aumento da afiliación á Seguridade Social —cos datos de fin de mes— «ata case recuperar o máximo histórico do 2008», apunta. «Cómpre sinalar que, pese a esta boa evolución, se a comparamos co mesmo mes do ano anterior a situación do emprego é significativamente peor».

    Doutra banda, os datos son «negativos» polo aumento do paro, debido a un «importante incremento» do desemprego feminino, ao tempo que o masculino descende lixeiramente. A situación «acrecenta a fenda das mulleres no mercado laboral galego», lamenta a sindicalista. Tamén alerta sobre a contratación indefinida, que diminúe un 31,2 % mentres que a temporal o fai nun 21,58 %.

    Con estes datos, coida que o cambio de modelo produtivo que precisa Galicia, baseado en actividades como a educación ou as profesionais, científicas e técnicas, «non se albisca». Por esta razón, afirma que o presidente da Xunta «debera deixar de ollar para Madrid» e centrar os seus esforzos en elaborar un proxecto de orzamentos para 2025 «que non deixe a Galicia fóra do cambio de modelo produtivo».

    Ademais, deberá atender á desigual situación das mulleres no mercado laboral galego e non deixar sen protección as persoas maiores, as dependentes e as que teñen menos recursos. Neste sentido, Maica Bouza refírese á educación como un «piar esencial» non só do cambio de modelo produtivo, «senón tamén do proxecto de vida das persoas».

    Sobe o desemprego das mulleres

    En Galicia están no desemprego 48 317 homes e 70 361 mulleres. O desemprego redúcese entre a poboación masculina (42 menos, un –0,08 %), pero medra nas mulleres (+675, un +0,97 %). Este comportamento do desemprego (redución do masculino nun 0,08 % mentres que o feminino crece un 0,97) consolida a fenda das mulleres no desemprego, onde seis de cada dez persoas paradas son mulleres.

    Atendendo ás idades, hai 4441 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (+103) e 114 237 maiores desa idade (+112). Non obstante, en termos porcentuais o incremento na mocidade é superior que nas persoas maiores: 2,37 % fronte a 0,47 %.

    No mes de xullo concertáronse 61 795 contratos en Galicia —un 24,27 % menos que en xullo—. O groso deles son temporais: 46 095 fronte a 15 700 indefinidos.

    Análise por sectores

    O paro diminúe no sector primario en 86 persoas desempregadas e na construción en 13; pola contra, na industria hai 153 desempregados e desempregadas máis e os servizos suman 578 máis. O colectivo sen emprego anterior mantense.

    Análise da contratación

    En agosto rexistráronse en Galicia 61 795 contratos, dos que 46 095 foron temporais e 15 700 indefinidos. O volume de contratos rexistrados foi inferior nun 24,27 % aos formalizados no mes precedente: a contratación indefinida cae un 31,20 %, mentres que a temporal o fai nun 21,58 %. De cada dez contratos rexistrados, tres son indefinidos; porén, no ámbito estatal representan catro de cada dez.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 988 persoas, ata situarse en 1 089 794 afiliados e afiliadas, rexistrando un aumento do 0,09 % respecto do mes anterior.

    A afiliación media mensual redúcese en 487 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 092 886. Deste total, 868 956 corresponden ao réxime xeral, 205 148 ao de autónomos e 18 782 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia redúcese un 1,39%.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos, compróbase que as actividades que máis emprego crearon en agosto foron as administrativas, con 1575 empregos, e a hostalaría con 579. Na educación cae a afiliación en 948 persoas, na industria manufactureira en 332 e nas actividades profesionais, científicas e técnicas pérdense 320 empregos.

    Prestacións por desemprego

    En xullo cobraron algún tipo de prestación por desemprego 79 546 persoas. Deste total, 38 920 foron prestacións contributivas e 40 626 subsidios.

    En relación cos ERTE do mes de agosto, o número de traballadores e traballadoras afectados ascende a 840 a final do mes; 688 estaban en ERTE ETOP e 152 en ERTE de forza maior.