Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

Amelia Pérez, sobre a lei de paridade: «Agardamos que impere o sentido común»

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, foi entrevistada o xoves na Radio Galega sobre a recentemente aprobada lei de paridade, que por un «erro técnico» —segundo afirmou o Goberno de España— deixa sen aparente protección fronte ao despedimento as mulleres acollidas a unha redución de xornada.

    23/08/2024.

    URL | Código para insertar

    Para a dirixente sindical, ese erro «é intolerable», ademais de incomprensible, por máis que desde o Executivo central afirmen que «en canto poidan, van tentar corrixilo».

    Neste sentido, Amelia Pérez manifestou a súa confianza en que «impere o sentido común» e, polo tanto, «non ocorra nada», dado que hai outras ferramentas legais para protexer as persoas que se atopen nesta situación.

    Malia todo, no sindicato xa se recibiron «un monte de chamadas de mulleres, que son as que principalmente solicitan estas reducións de xornada, que estaban moi preocupadas». Amelia Pérez traslada unha mensaxe de tranquilidade e convida as persoas que estean preocupadas pola súa situación a que se acheguen ás sedes sindicais para recibiren o asesoramento necesario.

    Visibilizar as mulleres

    Canto aos efectos que se pretendía conseguir coa lei de paridade, a secretaria xeral de CCOO agarda que sirva para visibilizar as mulleres «naqueles estamentos onde aínda estaba infrarrepresentada».

    Así mesmo, Amelia Pérez salientou o carácter pioneiro de CCOO na materia. «Nós no sindicato temos desde hai moitísimos anos esa cota de 40-60 e hoxe en día estamos en pé de igualdade nos órganos das Comisións Obreiras», explicou.

    «O incomprensible é que en grandes empresas, consellos de administración e outros estamentos non se visibilice [a muller] e sempre haxa escusas para que non haxa unha muller», subliñou a dirixente sindical.

    Novo curso escolar

    Na parte final da entrevista, a secretaria xeral de CCOO tamén foi preguntada polo novo curso escolar —que comeza en poucos días—, sobre todo atendendo a cuestións como as ratios nas aulas, a situación do profesorado, pero tamén a suba dos materiais educativos.

    Sobre este último tema, Amelia Pérez instou a Xunta «a facer algo máis ca eses pírricos 75 euros que dan para material», porque hai familias «que xa non teñen máis buracos no cinto para apertar».