Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Outubro 2024.

O Xulgado do Social anula unhas eleccións fraudulentas no grupo MONBUS.

    A UGT de Pontevedra preavisou as eleccións sindicais con seis traballadores, entre os que están o responsable de RR. HH. do Grupo MONBUS, a irmá doutra responsable de RR. HH. e dous familiares directos destas persoas.

    22/08/2024.
    EE.SS. MONFOBUS

    EE.SS. MONFOBUS

    A Unión Xeral de Traballadores de Pontevedra preavisou as eleccións sindicais na empresa MONFOBUS (do Grupo MONBUS). Esta empresa ten un cadro de persoal de seis traballadores/as, entre os que están o responsable de RR. HH. do Grupo MONBUS, Leandro Arruti Baqueiro, a irmá doutra responsable de RR. HH. do Grupo MONBUS e, asemade, administradora única de MONFOBUS e dous familiares directos destas (todos istos, agás Leandro Arruti, familiares de Raúl López, propietario do grupo empresarial).

    Ante este panorama, desde CCOO impugnamos o proceso electoral por considerar que o responsable de RR. HH. do Grupo MONBUS non podía formar parte do censo electoral por ser representante da patronal na negociación dos convenios colectivos de transporte de viaxeiros das provincias de Pontevedra, A Coruña, Lugo e Ourense, e, polo tanto, non reunir a empresa un mínimo de seis traballadores, imprescindible para a celebración das eleccións.

    CCOO impugnou inicialmente o proceso electoral ante a árbitra correspondente, quen considerou que non estaba demostrado que Leandro Arruti continuase na actualidade representando a patronal na negociación dos convenios, a pesar de que leva facéndoo os últimos 15 anos, polo que non estimou a nosa reclamación.

    Finalmente, o Xulgado do Social n.º 3 de Pontevedra ditou recentemente sentenza firme, na que exclúe do censo electoral a Leandro Arruti e declara nulas as eleccións sindicais celebradas, nas que se elixira un delegado de persoal da UGT, malia que Leandro Arruti declarou no xuízo que era un simple auxiliar técnico (negando a evidencia, que consta tanto no DOG como nos boletíns oficiais das catro provincias galegas, de ser representante da patronal na negociación colectiva ) Tamén di a sentenza: «Por outro lado, es el propio Sr. Arruti el que publicita su experiencia dentro de las áreas de administración, laboral y Recursos Humanos, calificándose como responsable y figurando así en algunha publicación periodística, situación que le aproxima a una parte integrante de la empresa, con esas funciones de responsabilidad sobre los trabajadores y que le alejan por tanto de los intereses de este colectivo para confundirse con la empleadora. Tal situación dista de ser puntual…», argumenta a sentenza.

    Hai que destacar que a UGT e a representación legal do Grupo MONBUS, tanto na comparecencia do laudo arbitral como diante do Xulgado do Social, actuaron mancomunadamente defendendo a presunta legalidade do proceso electoral, o que resulta inexplicable dende a óptica do sindicalismo de clase; tal unidade de criterio tiña por obxectivo cometer unha fraude para mellorar a representatividade da UGT na negociación do Convenio Colectivo Provincial de Transporte de Viaxeiros.