Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

Un mercado laboral con máis sombras que luces

A EPA confirma a necesidade dun plan de emprego feminino

    No 2º trimestre de 2024 hai 119800 persoas en desemprego —11800 menos que no trimestre anterior—. O paro redúcese en Galicia nun 8,90% e no Estado nun 7,47% respecto do trimestre anterior. Aínda así, Galicia é a 5ª comunidade onde menos emprego se crea

    26/07/2024.
    Enquisa de Poboación Activa 2 Trim. 2024

    Enquisa de Poboación Activa 2 Trim. 2024

    A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre de 2024 publicada hoxe, reflicte un aumento do emprego e unha baixada do paro para Galicia como adoita acontecer neste período do ano. Os datos amosan que en Galicia temos 1135600 persoas ocupadas, 7800 máis que hai tres meses, e 119800 persoas desempregadas, 11800 menos que no trimestre anterior. 

    O balance do mercado laboral nestes tres meses é positivo se non afondamos nos datos: todo o aumento da ocupación é a xornada completa; medra o emprego en todos os sectores agás no primario (destacando por ramas de actividade as actividades profesionais, científicas e técnicas; o comercio; a fabricación de material de transporte e a industria manufactureira) e o emprego creado é todo indefinido e no sector privado. Esta melloría na ocupación tradúcese en que hai menos fogares con todos os seus membros en paro aínda que o número daqueles nos que non entra ningún ingreso medra lixeiramente.

    As sombras son moitas: a creación de emprego ralentízase tanto en termos trimestrais como interanuais; o emprego medra preto dun punto e medio punto menos en Galicia que no Estado e pasa o mesmo coa redución do paro; Galicia é a 5ª comunidade onde menos emprego se crea; a taxa de actividade galega está seis puntos por debaixo da estatal e a de ocupación catro; hai 7800 persoas ocupadas máis pero o desemprego redúcese en 11800 persoas o que quere dicir que a poboación activa cae en 3900 persoas mentres segue medrando no Estado. 

    En resumo, un trimestre de datos positivos pero con máis sombras que luces debido ao encollemento do noso mercado laboral manifestado en forma de perda de poboación activa que afecta especialmente ás mulleres que son expulsadas do mercado laboral galego e, tamén, pola aumento da diverxencia co Estado.

    Análise dos datos

    A epa do segundo trimestre do ano en Galicia reflicte a creación de 7800 empregos e a redución do desemprego en 11800 persoas. O emprego medra en Galicia nun 0,70% mentres que no Estado o fai nun 2,05%. Pola contra, o desemprego cae en Galicia nun 8,90% e no Estado nun 7,47% respecto do trimestre anterior. Galicia é a 5ª comunidade onde menos emprego se crea. 

    A ocupación masculina aumenta en 8100 empregos mentres que a feminina perde 200 postos de traballo. De cada 100 persoas con emprego, 48 son mulleres. Créanse 8100 empregos masculinos pero pérdense 200 femininos, hai 6800 parados menos e 5000 paradas menos; o noso mercado laboral encóllese, o que afecta fundamentalmente ás mulleres. Todos os empregos creados son a xornada completa. 

    Crease emprego en todos os sectores agás no primario: na industria hai 5000 persoas ocupadas máis, 3100 na construción e nos servizos 3000 mentres que no sector primario temos 3400 empregos menos. Na desagregación por ramas de actividades a maior creación de emprego a temos nas actividades profesionais, científicas e técnicas (5100); no comercio (5000); na fabricación de material de transporte (3700) e na industria manufactureira (3300); no extremo contrario, a maior destrución de emprego dáse na actividades inmobiliarias e financeiras con 3600 ocupados e ocupadas menos; a agricultura e pesca con 3400; as de información e profesionais con 3100 menos e as administrativas con 2500. 

    Todo o emprego asalariado que se crea é indefinido. O saldo do emprego asalariado neste trimestre é de 3800 persoas ocupadas máis, resultado da creación de 4200 empregos asalariados indefinidos e da redución de 400 temporais. Pérdense 3300 empregos asalariados no sector público ao tempo que se crean 7100 empregos no sector privado. 

    No sector público cae hai 1700 empregos indefinido máis e 5100 temporais menos. No sector privado créanse 2500 empregos indefinidos e 4600 temporais.

    No segundo trimestre de 2024 hai 119800 persoas en desemprego en Galicia segundo a EPA. Son 11800 menos que no trimestre anterior. O paro redúcese en Galicia nun 8,90% e no Estado nun 7,47% respecto do trimestre anterior. O desemprego masculino cae en 6800 persoas mentres que o feminina o fai en 5000. De cada 100 persoas en desemprego, 52 son mulleres.

    Segundo a EPA, hai 43300 fogares con todas as persoas en desemprego (un 13,23% menos que no trimestre precedente) e 24200 (un 0,40% máis que hai tres meses).

    A taxa de actividade sitúase no 53,01%, dúas décimas menos que hai tres meses e seis puntos por debaixo da estatal. A taxa de emprego sube ata o 47,95%, non chega a medio punto, pero queda catro por baixo da do Estado.

    En relación ao mesmo período do ano anterior en Galicia temos 3800 persoas ocupadas mais e o paro medra en 2600 persoas.