Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

CCOO lamenta o afundimento do pesqueiro 'Argos Georgia' nas Malvinas.

    Desde CCOO queremos mostrar a nosa solidariedade, apoio e afecto aos sobreviventes, ás familias dos falecidos e desaparecidos do barco. A atención ás familias é neste momento prioritaria.

    24/07/2024.
    Barco Argos Georgia

    Barco Argos Georgia

    Este suceso está producindo un fondo pesar na sociedade galega, xa que estase a informar que polo menos dous dos falecidos son de Vigo e Baiona. Galicia vinculada desde sempre á mar, tampouco esquece os desaparecidos, resto de falecidos e accidentados. Todos eles merecen todo tipo de atencións independentemente da súa procedencia.

    CCOO daralles todo o apoio necesario aos afectados e ás familias, e solicita activar todos os recursos previstos para dar cobertura e protección aos familiares dos pescadores falecidos e desaparecidos.

    Esiximos poñer todos os medios para o rescate e localización da tripulación e unha investigación inmediata que esclareza os feitos, coa firme convicción de que se coñecerán as causas do accidente. As conclusións da investigación servirán para que os seus familiares teñan unha explicación do alto tributo pagado ante a evidencia dos riscos e dureza a que se enfrontan os pescadores e poidan evitar novos accidentes no mar.

    Desde CCOO apostamos por que a seguridade e a saúde sexan un baluarte na defensa das condicións de traballo, de forma que non teñamos que pagalo coa nosa saúde ou coa vida.

    O Argos Xeorxia, construído en 2018, pertence á armadora británico-norueguesa Argos Froyanes e nel ían 25 tripulantes e dous observadores.