Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

O persoal das taquillas de RENFE da provincia da Coruña vai á folga

    O Comité de Empresa de Renfe na Coruña, convocou folga de 4 horas o venres 19 de xullo de 12.00 a 16.00 hs. Afectará ás taquillas de Santiago de Compostela, Ferrol e A Coruña, motivada polos intolerables erros no sistema informático de venda.

    17/07/2024.
    Taquillas de Renfe

    Taquillas de Renfe

    Dende que se implantou o novo sistema de venda de billetes do Grupo Renfe, a finais do mes de febreiro deste ano, o persoal do canal de venda presencial está a sufrir as consecuencias do mal funcionamento e os múltiples erros e fallos do mesmo. 

    Despois de 5 meses de soportar esta situación, mantéñense moitos fallos como billetes anulados tecnicamente que computan como vendidos, erros nas devolucións pagadas por Paypal, problemas coa impresión dos billetes, erros nas tarifas con descontos, desagregación de billetes combinados para poder indemnizar, imposibilidade de cambios de billetes, múltiples problemas e erros das máquinas auto-venda que despois se derivan ás taquillas, cobro de billetes non xerados, caídas sistemáticas do sistema, etc. 

    Esta situación vense denunciando dende entón por parte da Representación dos Traballadores no seo do Comité de A Coruña, solicitando medidas urxentes para dar unha solución definitiva á mesma. Por parte dos traballadores reportáronse máis de 300 incidencias e presentáronse partes de Información de prevención polos riscos psico-sociais que ocasiona, xerando situacións de moito estrés e ansiedade. 

    Non se pode admitir que se implante un novo sistema de venta con cambios substanciais sen que teña sido comprobado previamente o bo funcionamento do mesmo. A realidade é que se ensaia sobre a marcha, no traballo diario do canal de venda, facendo padecer a incompetencia de algúns, ao colectivo do canal de venda e aos propios usuarios e repercutindo ademais nun desprestixio enorme da Empresa. É moi urxente unha solución definitiva a toda esta problemática. Esta cuestión aínda se agrava máis debido o mal funcionamento da venda telefónica, máquinas auto-venda, web e App, xa que todos os fallos nestes servizos, acaban confluíndo no canal de venda presencial e recae inxustamente e de maneira directa sobre o persoal, quen en ocasións teñen que soportar insultos e agravios. 

    O persoal do Canal de Venda presencial precisa dunha ferramenta de traballo eficiente para poder realizar o seu traballo con dignidade e para poder prestar aos usuarios un servizo público ferroviario de calidade. Ante a insoportable situación que está a sufrir o persoal do canal de venda polos continuados fallos no sistema, despois de varias asembleas nos centros de traballo, o Comité de A Coruña tomou a decisión de solicitar a reunión da Comisión de Conflitos. Esta reunión que se celebrou o día 13 de xuño pechouse sen acordo, polo que este Comité decidiu a convocatoria dunha folga de 4 horas de duración o venres 19 de xullo de 12.00 a 16.00 horas. 

    O pasado martes reuniuse o Comité de Folga coa Empresa para negociar os servizos mínimos. A mesma pechouse tamén sen acordo xa que a Empresa propón un 43%, mentres que dende o Comité de Folga enténdese que non é preciso establecelos, xa que é un só día durante só 4 horas e ademais afecta soamente a tres estacións e non afecta á seguridade nin regularidade do tráfico ferroviario. Os SSMM propostos pola Empresa son totalmente abusivos e en caso de que se decreten desta maneira, presentarase a correspondente denuncia pola vulneración dun dereito fundamental recollida na CE como é o dereito á folga. 

    Dende o Comité de Empresa do Grupo Renfe de A Coruña lamentamos ter que tomar esta medidas, pedimos desculpas aos usuarios polas molestias que se poidan ocasionar, pero responsabilizamos á Empresa desta situación lamentable e esperamos que dunha vez por todas alguén desta Empresa sexa capaz de tomar en serio este problema que está a afectar de forma tan grave tanto ao persoal como aos usuarios e para que se adopten as medidas necesarias para dar unha solución definitiva ao mesmo, que pasa simplemente por ter unha ferramenta digna para poder realizar o nosos traballo con un mínimo de calidade e garantía.