Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

CCOO asina o novo convenio colectivo de Finsa, que recolle conquistas históricas

    CCOO-Hábitat informa do asinamento do novo convenio colectivo para todos os centros de traballo de Finsa, xa ratificado polo cadro de persoal, que inclúe importantes subas salariais con efectos retroactivos ao 1 de xaneiro do ano pasado.

    12/07/2024.
    Instalacións de Finsa en Santiago de compostela

    Instalacións de Finsa en Santiago de compostela

    Para o ano 2023 pactouse un incremento salarial do 4,1%, retroactivo ao 1 de xaneiro do 2023, así como unha retribución non consolidable do 2,5% dos conceptos fixos de cada traballador/a do ano 2023. Ambas as dúas, aboadas canda os atrasos xerados pola xa mencionada suba.

    Xa no tocante ao 2024, o incremento é do 4,5%, xunto cunha paga en setembro do 3,5% dos conceptos salariais fixos anuais. A dita paga manterase nos seguintes anos en función da produtividade da empresa.

    Xunto coas subas indicadas, increméntanse en 132 euros as pagas extras no período 2024-2026, a razón de 44 euros cada ano. Tamén se produce unha suba na contía por noite e equiparación.

    Con todas estas melloras, as subas salariais oscilarán entre os 4900 e os 7200 euros ata o ano 2027, data de remate da vixencia do convenio.

    Ademais do aspecto salarial, tamén se conseguiron melloras en xornada, que se reducirá progresivamente dos 2013 días no 2023 aos 206 no 2027. Tamén se axustarán as vacacións para a coincidencia coas vacacións escolares e mellóranse as licenzas e permisos coa premisa de ir «sempre un paso por diante» ao que determine a lexislación, destaca CCOO-Hábitat.

    Para conseguir estas e outras melloras que recolle o novo convenio «foi precisa unha mobilización e unha loita nunca antes vividas en Finsa», destaca CCOO-Hábitat, que se congratula pola consecución deste «acordo positivo e histórico».