Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

Axudas para a mellora da eficiencia enerxética das vivendas

    Está dispoñible para consulta un novo exemplar da publicación CCOO Informa. Neste número dáse conta das axudas para mellorar a eficiencia enerxética das vivendas.

    12/07/2024.
    A axuda é para obras que melloren a eficiencia enerxética

    A axuda é para obras que melloren a eficiencia enerxética

    Quen pode solicitalas?

    As persoas físicas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias de vivendas (poderán facultar e autorizar, mediante o correspondente acordo, que un axente ou xestor da rehabilitación actúe por conta delas). Deberán destinar o importe íntegro ao pagamento das correspondentes actuacións.

    Requisitos

    As vivendas para as que se solicite financiamento deste programa teñen que constituír o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias, usufrutuarias ou arrendatarias no momento de solicitar a axuda, circunstancia que será obxecto de comprobación.

    Así mesmo, as vivendas deberán contar cun certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual elaborado e asinado pola persoa competente, co contido requirido no Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, e ter unha referencia catastral diferenciada.

    Actuacións subvencionables

    Esta liña de axudas subvenciona diferentes actuacións que consigan unha redución da demanda enerxética da vivenda, xa sexa esta unifamiliar ou pertencente a un edificio plurifamiliar. Non serán subvencionables os investimentos en xeradores térmicos que utilicen combustible de orixe fósil.

    O custo mínimo da actuación terá que ser igual ou superior a 1.000 euros por vivenda.

    Contía

    O importe da subvención será do 40 % do custo das actuacións, cun límite de 3.000 euros por vivenda. No importe obxecto de subvención poderán incluírse os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.

    Non se consideran custos subvencionables os correspondentes a licenzas, taxas, impostos ou tributos. Non obstante, o IVE poderá ser considerado elixible sempre e cando non poida ser susceptible de recuperación ou compensación total ou parcial.

    Prazos

    O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 13 de setembro e, en todo caso, cando se esgote o crédito orzamentario.

    Máis información

    Pódese consultar máis información sobre os requisitos e as características da axuda na publicación que se xunta a esta nota informativa e no correspondente número do Diario Oficial de Galicia.