Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

Comisións Obreiras denuncia a falta de persoal na Brigada Municipal de Augas de Lugo

    A sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) no Concello de Lugo denuncia a falta de persoal na Brigada Municipal de Augas, de xeito que non está operativa nin as fins de semana nin os festivos. «E tampouco hai empresa, pois quedou deserta a última adxudicación», subliña o sindicato. A situación impide satisfacer as necesidades dunha cidade que recentemente chegou aos 100 000 habitantes censados, como demostran as reiteradas incidencias na rede de auga.

    09/07/2024.
    CCOO denuncia falta de persoal no servizo

    CCOO denuncia falta de persoal no servizo

    O cadro de persoal da brigada está formado por seis peóns, un oficial e un encargado. Destes oito integrantes, tres están de vacacións, un de baixa médica e outro con funcións restrinxidas.

    A cidadanía luguesa é a gran prexudicada pola situación, pero tamén o propio persoal do servizo. O encargado da brigada recibe unha media de 50 chamadas a calquera hora do día, tamén ás noites. Esta dispoñibilidade non é aboada, malia que a súa xornada é de sete horas como a do resto dos traballadores e traballadoras do Concello de Lugo.

    Ademais da sobrecarga de traballo que provoca o estado do servizo, CCOO tamén denuncia a discriminación deste persoal respecto ao doutros departamentos, pois estanse vendo obrigados a denunciar e gañar sentenzas que lles recoñecen a realización de horas extraordinarias ou funcións de superior categoría. Ao tempo, a outro persoal si se lle aboan horas extraordinarias, incluso levantándose todos os meses no pleno os reparos de legalidade.

    Por todo isto, CCOO esíxelle á alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, que inste o servizo de persoal a iniciar os trámites de modificación da relación de postos de traballo (RPT) para aumentar os efectivos da brigada «e poder dar un servizo axeitado todo o ano». Así mesmo, insta a contratar «de forma urxente» os traballadores e traballadoras necesarias suplir as vacacións e que se paguen as horas extraordinarias que se deben.