Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

CCOO asina o convenio da concesionaria de limpeza viaria de Sanxenxo, con incrementos do 13 % para este ano

    A Federación do Hábitat de CCOO acaba de asinar o convenio colectivo de Ascán, empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria de Sanxenxo (Pontevedra). O texto recolle incrementos salariais do 13 % para este ano, do 2 % as dúas vindeiras anualidades e do 3 % en 2027.

    03/07/2024.
    Vehículos de Ascán

    Vehículos de Ascán

    Así mesmo, acórdase o pagamento dun «premio de convenio», non consolidable, que se aboará na mensualidade seguinte á data de asinamento do convenio. Trátase dun pagamento único para todo o persoal dado de alta na empresa e cunha contía que oscila entre os 2239,31 e os 2894,74 euros, segundo a categoría profesional e descontando anticipos que xa puidesen ter percibidos.

    Alén do aspecto salarial, o convenio tamén inclúe outras melloras económicas e sociais. Por exemplo, o aboamento das vacacións incluirá todas as percepcións económicas, como o complemento de nocturnidade ou o de convenio.

    Tamén se introduce na redacción do convenio a obrigatoriedade de respectar os descansos semanais, mentres que as licenzas pasan a computarse en días laborables —agás a de matrimonio, que seguirán sendo 15 días naturais.