Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

Amelia Pérez: «Somos unha ferramenta para a transformación da sociedade, non nos conformamos»

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia organizou este luns, 1 de xullo, unha xornada de sensibilización LGTBI+ co título «Realidade cotiá fronte a dereitos formais». Esta acción serviu para reflexionar sobre os dereitos que teñen formalmente recoñecidos as persoas LGTBI+, que en moitas ocasións non os poden exercer con plena liberdade porque persisten condutas discriminatorias.

    01/07/2024.
    De esq. a der., Mamen Sabio, José Manuel Morales, Amelia Pérez

    De esq. a der., Mamen Sabio, José Manuel Morales, Amelia Pérez

    A secretaria xeral, Amelia Pérez, subliñou que CCOO é unha organización que atesoura «moitos anos de loita a prol da igualdade real» e puxo en valor este tipo de xornadas «para seguirmos cambiando a concepción e a percepción» da sociedade e no seo das empresas.

    Tras lembrar a definición de CCOO como sindicato sociopolítico, chamou a «aspirar a concienciar socialmente e promover o cambio». A seguir, insistiu en que Comisións Obreiras «somos unha ferramenta para a transformación da sociedade, non nos conformamos».

    Pola súa parte, a secretaria de Mulleres, Igualdade e Políticas LGTBI+, Mamen Sabio, avogou por que xornadas coma esta contribúan, a través da negociación colectiva, a «favorecer as condicións» para que os dereitos que están recoñecidos por lei se poidan levar á práctica.

    Segundo explicou, dereitos como a conciliación ou a licenza por matrimonio «é difícil facelos valer» nas empresas «porque supoñen unha exposición da orientación sexual». Por este motivo, indicou, é importante establecer cláusulas na negociación colectiva para que todas as persoas se poidan acoller a tales beneficios.

    Nesta xornada participou como relator convidado José Manuel Morales Ortega, catedrático de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade de Málaga. Este especialista salientou a importancia de formar as persoas sindicalistas en materia LGTBI+ para que poidan «defender eficazmente» os dereitos do colectivo no seo da empresa.

    Neste punto, e citando un informe da Xunta da Galicia, indicou que só un 9 % das persoas que padecen agresións LGTBIfóbicas o denuncia. «Non é só por medo á visibilidade, senón porque pensan que non serve para nada». E abundou en que «incluso nos casos en que se gaña un xuízo, a reparación da vítima, sobre todo no que atangue ao dano moral, nunca é completa».

    No marco desta xornada tamén se presentou o borrador da «Enquisa sobre a visión da comunidade LGTBI+: postos de traballo e acceso ao emprego». Segundo explicou a técnica do Gabinete de Igualdade de CCOO, Rebeca Pérez Pico, esta ferramenta pretende «ser a base para desenvolver os pasos que se han seguir no ámbito da negociación colectiva para que os dereitos das persoas LGTBI+ sexan reais».