Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

CCOO expresa a súa solidariedade cos avogados e avogadas da quenda de oficio

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia expresa a súa solidariedade cos avogados e avogadas da quenda de oficio, que levan meses mobilizándose para esixir a mellora das súas condicións. A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, reclama «retribucións xustas para un servizo público esencial».

    27/06/2024.
    No centro, Amelia Pérez canda avogadas e avogados da quenda de oficio; á dereita, Jorge Suárez

    No centro, Amelia Pérez canda avogadas e avogados da quenda de oficio; á dereita, Jorge Suárez

    Así o expresou a dirixente sindical durante unha reunión con representantes do sindicato Venia e na que tamén participou o coordinador do sector da Xustiza de CCOO de Galicia, Jorge Suárez.

    Desde CCOO defenderon a necesidade de dignificar as condicións destes traballadores e traballadoras, que cobran polos seus servizos mediante «indemnizacións» da Administración en vez dun salario coa súa correspondente cotización. Indemnizacións que, por riba, son as terceiras máis baixas de Europa, segundo denuncian os representantes do colectivo.

    CCOO, como primeiro sindicato nas Administracións públicas do Estado e organización comprometida cos servizos públicos, solidarízase con estes traballadores e traballadoras. A secretaria xeral lembra que o traballo que fan responde a un «servizo público esencial» que, polo tanto, «debe estar suficientemente dotado, tamén do punto de vista orzamentario».