Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

O Consello extraordinario da Federación de Servizos de CCOO de Galicia elixe por unanimidade a Iván Cordeiro novo secretario xeral

    No Consello extraordinario celebrado o pasado martes, 25 de xuño, Iván Cordeiro foi elixido por unanimidade como novo secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia. As primeiras palabras do novo secretario xeral foron para agradecer e recoñecer o traballo realizado pola anterior responsable, Lucía Trenor.

    26/06/2024.
    Consello extraordinario da Federación de Servizos das CCOO de Galicia.

    Consello extraordinario da Federación de Servizos das CCOO de Galicia.

    Lucía, tras 17 anos en CCOO e oito «dirixindo con éxito» a Federación en Galicia, «déixanos para asumir un novo reto» no sindicalismo internacional ao incorporarse a UNI GLOBAL, sindicato mundial que representa a máis de vinte millóns de traballadores e traballadoras do sector dos servizos en 150 países. «Confiamos plenamente en que, coa súa capacidade de traballo, logrará grandes éxitos para a clase traballadora mundial», expresou.

    Tras este recoñecemento, Iván Cordeiro avanzou as súas intencións de continuar co modelo de traballo desenvolvido durante todos estes anos. Indicou que o cambio que se produce «é só un punto e seguido» para, xunto co resto do equipo, seguir traballando de forma unida co obxectivo «de ser o primeiro sindicato en afiliación e representatividade do noso sector en Galicia e tamén a nivel federal e confederal».

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia ten un importante labor por diante na defensa dos intereses dos nosos compañeiros e compañeiras nos centros de traballo, e estamos seguros de que o novo secretario xeral, Iván Cordeiro, será capaz de levalo a cabo xunto co equipo.

    Amelia Pérez, secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, asistiu ao acto e recordou o traballo e dedicación de Lucía, que coñece ben, xa que era a secretaria da Federación á que pertence por ser traballadora de Inditex. Lembra con agarimo os momentos duros de traballo, pero tamén os bos momentos que ambas viviron na federación e, como non, en especial os últimos anos nos que ambas asumiron importantes postos de responsabilidade en CCOO.

    Amelia recoñecía hai uns días que «non marcha só unha gran sindicalista, vaise unha amiga. A distancia non será un obstáculo para nosoutras», ao tempo que manifestaba «os mellores desexos da nosa organización para esta nova etapa que comeza Lucía».