Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

CCOO amosa o seu rexeitamento á facultade da saúde de Abanca

    O Sindicato Nacional de CCOO e a Federación do Ensino de CCOO amosan o seu rexeitamento á decisión da Xunta de Galicia de autorizarlle á universidade privada de Abanca a creación dunha facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde. Esta decisión corrobora o que o sindicato leva anos denunciando: a autorización desta institución era un paso para privatizar o ensino universitario galego.

    25/06/2024.
    CCOO, en defensa dos servizos públicos

    CCOO, en defensa dos servizos públicos

    A intención da Universidade Intercontinental da Empresa é comezar a impartir nesta facultade o grao de Psicoloxía, titulación que ata o momento só se impartía no sistema público, concretamente na Universidade de Santiago de Compostela. CCOO tomou postura contra a creación dunha universidade privada en Galicia desde que tivo coñecemento do proxecto de Abanca. De feito, a comezos do 2021, o Consello Económico e Social de Galicia chegou a emitir un ditame desfavorable á lei que permitiu crear a Universidade Intercontinental da Empresa.

    Comisións Obreiras defende unha universidade «pública e de calidade, dotada de medios suficientes e apoiada pola Administración». Por este motivo, non comparte as «constantes facilidades» do Goberno galego a unha iniciativa privada «que claramente se dispón a concorrer con titulacións do sistema público».