Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Decembro 2024.

28 de Xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI+

Educación para vivir. Organización para loitar #OrganizaOTeuOrgullo

    As discriminacións, os ataques e os discursos de odio seguen sendo unha realidade tristemente cotiá para lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais. Por iso, días como o 28X, Día do Orgullo LGTBI+, seguen sendo tan necesarios para visibilizar as discriminacións que sofren as persoas LGTBI+ e para defender os seus dereitos.

    20/06/2024.
    Educación para vivir. Organización para loitar

    Educación para vivir. Organización para loitar

    Para seguir avanzando, necesitamos organizarnos. Porque sen organización sindical, non poderemos erradicar a precariedade e a falta de dereitos que sofren as persoas do colectivo e tampouco poderemos seguir progresando. Ademais, en CCOO apostamos por profundar na educación, porque sen ela non poderemos fomentar unha sociedade que coide a convivencia fronte ao odio.

    Estaremos alerta para frear os discursos LGTBI+fóbicos que fomenta a extrema dereita, para combatelos con máis pedagoxía, con máis educación. Educación e organización para avanzar, e non retroceder, en dereitos.

    Celebramos a aprobación do regulamento que desenvolve o artigo 15 da Lei LGTBI-Trans e comprometemos o noso activo sindical na negociación de medidas planificadas que promovan a diversidade nas empresas e protexan a todas as persoas. Incluíndo, por suposto, os protocolos fronte ao acoso LGTBI+fóbico.

    As leis en materia LGTBI+ (Lei 15/2022 integral para a igualdade de trato e a non discriminación e a Lei 4/2023 para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI) supoñen un importante avance nos dereitos de lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais en todos os ámbitos. CCOO estaremos pendentes para que non se produza un retroceso de dereitos pola súa non aplicación.

    Sabemos tamén que organizarnos require formación. E aí é onde nosoutras, como sindicato, poñemos a disposición todas as ferramentas para facer fronte ás situacións de acoso, orientar as persoas do colectivo e para facer unha negociación colectiva que permita unha vivencia plena no ámbito laboral a todas as persoas, independentemente da súa orientación ou identidade sexual ou da súa expresión de xénero.

    As secretarías confederais de Xuventude e de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo, respectivamente, facemos un chamamento explícito á mobilización da xuventude para loitar colectivamente contra os problemas que topan as persoas mozas LGTBI+: LGTBIfobia nos centros escolares, nos institutos, nas familias, a dificultade de acceso ao mundo laboral, o sexilio que segue vixente no mundo rural ou a posibilidade de sufrir ataques por facer explícita a súa opción de vida, entre outras cuestións.

    Para iso elaboramos o documento Cómo ser joven LGTBI+ y no morir en el intento, que recolle un diagnóstico dos principais problemas con que se encontran no emprego, na educación, no acceso á vivenda (ou, en casos extremos, o senfogarismo), a saúde e a saúde mental, a LGTBi+fobia e o sexilio, e que se complementa con propostas concretas e orientacións para traballar na acollida a todas as persoas LGTBI+ ao sindicato, porque o sindicalismo de clase debe estar atravesado pola loita LGTBI+.

    Este documento súmase aos elaborados por CCOO nos últimos anos: La LGTBIfobia desde la prevención de riesgos laborales (outubro de 2023), Guía de actuación frente a la LGTBIfobia en el ámbito laboral (maio de 2023) e Igualdad y diversidad en los convenios colectivos (xuño de 2022).

    Porque a loita polos dereitos LGTBI+ é unha loita material e as CCOO temos claro que é fundamental dar a batalla nos centros de traballo. Porque están en xogo unhas condicións de vida dignas para todas as persoas.

    Pola diversidade!

    Polos dereitos humanos!

    Pola igualdade de oportunidades nos traballos!

    Contra as discriminacións e os discursos de odio!

    Educación para vivir. Organización para loitar #OrganizaOTeuOrgullo