Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

O comité de empresa acusa a Alcoa de «tomar o pelo» tanto ás Administracións como ao persoal

    O mércores, 12 de xuño, tivo lugar en Madrid a décimo oitava reunión de seguimento do acordo de viabilidade de Alcoa, con participación do Goberno de España, Xunta de Galicia, empresa e sindicatos. O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan (CCOO) acusou a compañía de «tomar o pelo» ao persoal da fábrica e ás Administracións, facendo «un paripé» coa venda do complexo industrial. Na súa opinión, a multinacional está alongando o proceso nun momento en que as condicións do mercado lle permiten aumentar os ingresos.

    13/06/2024.
    Pancarta esixindo solucións para Alcoa San Cibrao | Fonte: Arquivo CCOO

    Pancarta esixindo solucións para Alcoa San Cibrao | Fonte: Arquivo CCOO

    «Fomos a Madrid para nada. Para que Alcoa volva tomarnos o pelo a nós e aos gobernos», censurou o sindicalista, quen tamén criticou que a compañía deixara sen responder as principais preguntas formuladas polo comité.

    Respostas non vinculantes

    Na reunión, Alcoa confirmou que ata o momento contactou con 67 potenciais compradores, pero só recibiron seis respostas non vinculantes. A empresa non considera que estas respostas se poidan considerar ofertas como tal, emprazando eses posibles compradores a un seguinte paso, que sería a remisión dunha oferta vinculante, xestión de visitas á planta e reunións en que se traten os «puntos críticos»: acordo de viabilidade, provisión de electricidade a prezos competitivos ou a ampliación da balsa de lodos vermellos.

    Canto a este último punto, a empresa manifesta que precisa «certeza» sobre a ampliación da balsa para que sexa posible un aumento da produción.

    Desde o Goberno de España afirmaron que «axiña» comezarán os contactos coa listaxe de compradores, de consún coa Xunta de Galicia para garantir que sexan solventes. No tocante á enerxía, recoñeceu que hai problemas na tramitación dos parques eólicos.

    A Xunta de Galicia denunciou «desconexión» entre os ministerios de Industria e Transición Ecolóxica no que respecta aos parques eólicos. Canto á balsa de lodos, explicou que a empresa remitiu a información requirida, que será analizada pola Consellaría de Medio Ambiente.

    Cumprir o acordo

    Pola súa parte, o comité de empresa esixiu o cumprimento do acordo de viabilidade asinado. Así mesmo, censuran que Alcoa fale de problemas económicos «que hai un ano non había». Precisamente, preguntaron como pretende cumprir a compañía o acordo —que vai ata o 2027— se ao tempo afirma que o diñeiro rematará no segundo semestre deste ano.

    Por este motivo, desde tamén preguntaron por que non se poñen en funcionamento máis cubas na planta, de xeito que se poidan mellorar os resultados financeiros e manter os postos de traballo. Alcoa non respondeu ningunha destas cuestións.