Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Decembro 2024.

Mobilizacións para denunciar as condicións de traballo en Universal Support

    O comité de empresa de Universal Support convocou este mércores mobilizacións na Coruña para denunciar as condicións laborais do centro de traballo de Bergondo.

    12/06/2024.
    Concentración do persoal de Universal Support (Grupo Konecta) diante do Banco Santander, na Coruña

    Concentración do persoal de Universal Support (Grupo Konecta) diante do Banco Santander, na Coruña

    Por esta razón, concentráronse durante a mañá diante da oficina do Banco Santander no Cantón Grande, n.º 4 (A Coruña). As principais denuncias do comité teñen que ver coa precariedade na contratación, xornadas parciais, modificación de horarios a criterio da empresa ou o elevado risco psicosocial.

    Actualmente, a empresa conta en toda a provincia da Coruña cun cadro de persoal de arredor de 1400 persoas e dedícase ao sector dos centros de chamadas. Pertence ao grupo Konecta, unha das principais multinacionais do sector, e dá servizo a clientes como o mencionado Banco Santander, Abanca ou Inditex, entre outros.

    Elevada esixencia, pouca formación

    Segundo o comité, o centro de traballo de Bergondo dispón duns douscentos traballadores e traballadoras para a campaña Superlínea do Banco Santander. Trátase dun cliente «moi esixente» que «non facilita as cousas» á hora de lles trasladar os procedementos aos axentes que prestan servizo nela, resumen desde o comité.

    Isto indice, precisamente, nunha das cuestións que denuncian: o risco psicosocial. O comité denunciou xa en varias ocasións a «nula formación» que recibe o persoal, relacionado cos criterios de selección. «Fanse contratacións sen requisito específico ningún, nin coñecementos bancarios previos», apuntan, «porén, despois expóñense a unha presión e esixencias de calidade que nada teñen que ver coa formación recibida», conclúen.

    Folga a finais de mes

    Se non hai ningún avance canto ás demandas do persoal, o vindeiro 28 de xuño (venres) haberá unha folga parcial, con paros de dúas horas na quenda de mañá e outras tantas na da tarde, advirte a representación legal das persoas traballadoras.