Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Decembro 2024.

46 anos da clausura do I Congreso Nacional de CCOO de Galicia

    Este martes, 4 de xuño, cúmprense 46 anos da clausura do I Congreso Nacional de CCOO de Galicia, que comezara en Vigo dous días antes. Como secretario xeral resultou elixido o sindicalista ferrolán Manuel Amor Deus.

    04/06/2024.
    Recortes de prensa do I Congreso Nacional de CCOO | Fonte: Fundación 10 de Marzo

    Recortes de prensa do I Congreso Nacional de CCOO | Fonte: Fundación 10 de Marzo

    O informe final da comisión de resolucións do Congreso resumía esta cita histórica como o «resultado de toda unha traxectoria de loita dos traballadores galegos ao longo dos anos da ditadura pola conquista das liberdades democráticas e nacionais».

    Así mesmo, o Congreso do Sindicato Nacional consideraba «determinante» o papel da clase traballadora e das Comisións Obreiras «no espertar da conciencia nacional do noso pobo, na liquidacion da ditadura e na conquista da democracia». Canto a isto último, «hoxe atopámonos na tarefa esencial da consolidación e profundización da democracia», sinalaba a resolución congresual.

    Cómpre sinalar que estas reflexións se facían cando aínda faltaban máis de catro meses para a aprobación da Constitución nas Cortes Xerais. Neste sentido, o sindicato avogaba por unha carta magna «para todos, autenticamente democrática, que recolla os dereitos e liberdades fundamentais e en particular o recoñecemento das autonomías, o dereito de folga e a liberdade sindical».

    A finais do mesmo mes de xuño tería lugar en Madrid o I Congreso da Confederación Sindical de CCOO, que elixiría a Marcelino Camacho Abad primeiro secretario xeral da organización.