Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 8 Setembro 2024.

CCOO sinala que o 40 % do profesorado manifesta síntomas de ansiedade ou depresión e o 65 %, estrés

    A Federación do Ensino de CCOO sinala que o 40 % do profesorado español manifesta síntomas de ansiedade ou depresión, porcentaxe que sobe ao 65 % no caso do estrés. Son algúns dos principais datos que se desprenden de dous estudos que hoxe presentou o sindicato en Santiago de Compostela.

    30/04/2024.
    De esq. a der., Pablo García, Borja Campos, Nany Pizarro e Cuqui Vera

    De esq. a der., Pablo García, Borja Campos, Nany Pizarro e Cuqui Vera

    Na comparecencia diante dos medios de comunicación interviñeron Borja Campos, secretario de Saúde Laboral de CCOO-Ensino, Cuqui Vera, secretaria de Internacional da federación estatal (FE-CCOO), Nany Pizarro, responsable de Saúde laboral da FE-CCOO, e Pablo García, director do Instituto de Estudios Educativos y Sindicales de CCOO.

    Outros datos preocupantes son que o 25 % do profesorado sufriu algún tipo de violencia ou que o 84 % ten ido dar clase malia se atopar mal de saúde. O ambiente laboral, a presión, a sensación de ter a obriga de dar clase, a falta de recoñecemento ou as dificultades para equilibrar a faceta persoal coa profesional son algúns dos factores que desembocan nos problemas de saúde —e en particular de saúde mental— do colectivo, advirte CCOO.

    Un recente estudo do sindicato para o ámbito galego sinala que o 25 % das mortes por accidente laboral no último ano se deben a infartos e outras patoloxías non traumáticas, e chama a atención sobre o impacto que a saúde mental puido ter nos decesos. Na mesma liña, abundouse hoxe na presentación das conclusións destes estudos, apelando á necesidade de avaliar os riscos psicosociais no sector educativo.

    Borja Campos salientou que a protección da saúde do persoal educativo sempre foi unha gran preocupación de CCOO-Ensino, que nos últimos anos conseguiu que se avaliaran os riscos en todos os centros. Agora, ademais, logrou que a Xunta de Galicia «tome en serio» a necesidade de avaliar tamén os riscos psicosociais. «Esta mesma semana, a Consellaría enviaralle un cuestionario a todo o profesorado» co que se agarda obter información detallada.

    Os portavoces de CCOO coidan «imprescindible» un diagnóstico axeitado da situación para poder tomar medidas, pero advirten que a abordaxe dos problemas de saúde mental debe ser integral, atendendo todos os elementos da comunidade educativa, desde o profesorado ás familias.

    Igualmente, CCOO reclama que calquera plan ao respecto debe contar con protocolos e recursos económicos e humanos suficientes, comezando pola contratación de máis profesorado, máis persoal de orientación e a diminución das ratios nas aulas. Un menor número de alumnado non só mellorará a calidade educativa, senón que lles permitirá aos docentes identificar axeitadamente situacións problemáticas ou de vulnerabilidade entre os escolares.