Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Decembro 2024.

1.º DE MAIO

POLO PLENO EMPREGO: REDUCIR XORNADA, MELLORAR SALARIOS

    As organizacións sindicais maioritarias no noso país, as Comisións Obreiras e a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores, ante este 1.º de Maio de 2024, situados nun ciclo e momento de recuperación e de conquista de dereitos, dos cales somos parte inherente, convocamos a cidadanía a participar en todos os actos e manifestacións do 1.º de Maio para defender o gañado ata agora e continuar avanzando en novos retos laborais e sociais.

    29/04/2024.
    Primeiro de Maio: polo pleno emprego, menos xornada, mellores salarios

    Primeiro de Maio: polo pleno emprego, menos xornada, mellores salarios

    España necesita unha política industrial de Estado que cree emprego digno, estable e de calidade para garantir un futuro laboral sostible. Por iso debemos seguir avanzando na mellora da lexislación laboral.

    Agora toca protexer o contrato de traballo, repartir marxes empresariais, seguir mellorando emprego e salarios, reducir xornada e coidar a clase traballadora.

     O contexto internacional que vivimos é convulso: á inaceptable invasión de Putin, que xa se encontra no terceiro ano de guerra, súmase a traxedia en Gaza, o masacre dunha indefensa poboación civil palestina debe pararse inmediatamente. A Unión Europea debe ser actor principal na conclusión de ambos os conflitos: cómpre restaurar o dereito internacional quebrantado en Ucraína e cómpre respectar os lexítimos intereses dos pobos israelí e palestino a vivir en paz e seguridade, coa constitución e recoñecemento internacional do Estado Libre de Palestina.

    O sindicalismo é un piar transformador das democracias en todo o mundo, por iso a nosa loita é transversal e transfronteiriza. Alá onde hai organizacións sindicais con poder e forza na toma de decisións, a vida da clase traballadora é mellor. O noso compromiso coas persoas traballadoras é claro e contundente. 

    Ademais, España afronta esta primavera un ciclo electoral que concluirá o próximo 9 de xuño coas eleccións ao Parlamento de Europa. Por este motivo, desde o movemento sindical europeo, a través da Confederación Europea de Sindicatos, chamamos á participación da clase traballadora promovendo o voto a opcións progresistas e europeístas. 

    Nun momento de cambios xeopolíticos profundos, cunha forte disputa pola hexemonía política, comercial e de acceso a recursos entre EUA e China, dar pasos atrás na integración europea é pouco menos que un suicidio a medio e longo prazo, que nos fará débiles, nos empobrecerá e situaranos como unha mera comparsa intranscendente nun mundo en transformación.

    No plano máis interno, a situación política apunta a unha lexislatura de difícil xestión, con ton acendido na confrontación política. España necesita racionalizar as discrepancias lexítimas entre os partidos, para emprender os consensos necesarios ante as reformas, retos e desafíos que temos por diante. Para iso, debería partirse do recoñecemento da lexitimidade da actual maioría parlamentaria, rebaixando o ton de crispación política que limita gravemente a capacidade de dar resposta aos verdadeiros problemas do noso país.

    O Diálogo Social conseguiu grandes fitos en materia xurídico-laboral en España nestes últimos anos, garantindo dereitos que debían recoñecérselle á clase traballadora e que hoxe en día seguen dando os seus froitos. Malia os bos datos de emprego que se acadaron en España —arredor de 21 millóns de persoas ocupadas, das cales 1,13 en Galicia— froito das políticas sociais de concertación nas que debemos seguir insistindo, os niveis de desemprego mantéñense en cifras de dous díxitos que non podemos nin debemos asumir, polo que se teñen que redobrar os esforzos públicos e privados co obxectivo de alcanzar o pleno emprego antes de que remate o actual período de sesións parlamentario. 

    Debemos recoñecer o valor que supuxo a reforma laboral de 2021 no mercado de traballo español, especialmente no relativo á redución da temporalidade. O ano 2023 afondou nese camiño, xa que a porcentaxe de contratos indefinidos subscritos no ano foi o 42,9 % do total —32,5 % en Galicia—. Hoxe as persoas asalariadas con contrato temporal son no Estado pouco máis de tres millóns —14,5 % do total— e 152.500 (16,5%) en Galicia.

    A estes datos, que seguen a senda marcada no ano 2022, hai que engadirlles outros cualitativamente moi relevantes e que apuntan a un cambio na composición do emprego en España. Nos últimos cinco anos (2018-2023), o emprego asalariado creceu un 10 % pero nalgúns sectores e ramas o aumento foi superior. E estes sectores son os que teñen un maior compoñente tecnolóxico, de coñecementos e de coidados.

    A aposta pola suba dos salarios foi compatible cunha recuperación do emprego virtuosa en termos cualitativos e cuantitativos. O SMI é hoxe un 54 % superior ao que tiñamos, pero é que o custo salarial ordinario por hora traballada aumentou un 5,7 % ao longo do ano 2023. 

    Os mantras neoliberais aplicados ao mercado laboral estanse vendo superados polos datos. Nun momento de transformacións produtivas, potencialmente moi intensas, as melloras nas condicións laborais e salariais deben ser unha demanda encamiñada a mellorar as condicións de vida da clase traballadora, pero tamén unha aposta pola mellora da produtividade da economía española a longo prazo en parámetros diferentes á vella fórmula da desvalorización salarial, a precariedade laboral e a flexibilidade externa (vía despedimento) como forma de axuste preferente das empresas ao ciclo económico.

    Necesitamos unha aposta decidida polo PLENO EMPREGO. 

    Necesitamos mellorar o marco regulador no que se xere o emprego do futuro. É o momento da redución legal da xornada de traballo, dunha mellor regulación da contratación a tempo parcial e da extensión dos contidos da chamada lei rider ao conxunto da economía de plataforma. É hora de protexer o contrato de traballo cunha nova regulación do despedimento que respecte os compromisos internacionais adquiridos polo noso país a través da Carta Social Europea. É vital protexer as persoas que xeran a verdadeira riqueza no noso país coa súa forza produtiva: a clase traballadora. Esiximos o cumprimento do artigo 129.2 da Constitución coa incorporación das persoas traballadoras aos centros de decisión das empresas en que traballan e contribúen á súa creación de valor e beneficios.

    Hai que impulsar a política industrial e de desenvolvemento sectorial. As transformacións produtivas, a dixitalización aplicada aos procesos de xeración de bens e servizos e, particularmente, a transición enerxético/ecolóxica, definen un panorama complexo e non exento de riscos, pero tamén de oportunidades para España. O noso país debe aspirar a constituírse nun polo industrial aproveitando o potencial da enerxía renovable a prezo competitivo e que xere emprego de calidade. Os Fondos de Recuperación Next Generation deben contribuír nese obxectivo.

    Esa vantaxe comparativa que ofrece o noso país en relación coa enerxía debe aproveitarse nunha efectiva reindustrialización a través de políticas de Estado que permitan afrontar as transicións ecolóxica, dixital e verde, para situar o país como unha potencia industrial na que tamén se teñan en conta as súas realidades territoriais.

    É o momento de tentar superar as asimetrías históricas entre as zonas industrializadas, as que nunca o foron e as que sufriron procesos de desindustrialización con dramáticas consecuencias na perda de poboación e envellecemento crónico.

    Igualmente, cómpre acometer unha reforma fiscal pendente que debe reforzar a equidade da contribución e a capacidade das nosas políticas públicas para desenvolver e posibilitar de mellor forma o que estamos propoñendo.

    É o momento de despregar unha potente estratexia de coidados no marco dunha recuperación do conxunto dos servizos públicos e de atención á cidadanía. España é, dentro da pauta xeral de occidente, unha sociedade envellecida. As taxas de natalidade son comparativamente as máis baixas do mundo. Pero é que, ademais, a feminización dos coidados no ámbito familiar é o principal elemento explicativo das fendas salariais de xénero.

    Sen dúbida, as tarefas de coidados apelan a ámbitos privados e públicos e que deben facerse desde a corresponsabilidade, apelando ao Estado, a sociedade e con maior implicación dos homes. Pero, prioritariamente, correspóndelle ao poder público ofrecer unha cobertura e garantías de accesibilidade e universalidade en dereitos e en servizos.

    A cuestión dos coidados interpélanos sindicalmente desde varios ángulos, polo que reivindicamos un pacto de Estado ao respecto para articular un sistema de coidados integral, que conte con financiamento e servizos públicos suficientes, que se sosteña mediante a profesionalización das diferentes ocupacións do sector e coas garantías de empregos decentes. 

    Apostamos por soster os nosos sistemas de protección social, consolidando as reformas pactadas e afondando nas que están pendentes, a reforma da protección por desemprego e a maior efectividade das políticas activas de emprego, na estratexia de pleno emprego que defendemos. 

    No marco da Estratexia de coidados, é esencial culminar o desenvolvemento do sistema de atención á dependencia, necesidade social e xacemento de emprego, maioritariamente feminino, que debe ser de calidade, recoñecido socialmente e ben remunerado.

    É fundamental protexer as persoas traballadoras que se encontran en situacións de vulnerabilidade e son vítimas de discriminación laboral por mor da súa raza, sexo, xénero, identidade ou discapacidade, entre outros factores. Esta discriminación non só atenta contra os dereitos fundamentais dos individuos, senón que tamén socava os principios básicos de igualdade e xustiza no ámbito laboral. 

    Acabar coa precariedade laboral da xuventude, a fenda de xénero que sofren as mulleres; que as persoas trans e LGTBI nos centros de traballo non volvan ao armario ou que as persoas traballadoras non sufran discriminación por cuestións de discapacidade. Estas discriminacións laborais nos centros de traballo son antidemocráticas. Hoxe máis ca nunca, é imperativo que as organizacións sindicais nos levantemos enerxicamente para erradicar esta inxustiza e traballar en conxunto por un ambiente laboral equitativo, respectuoso e comprometido coa protección dos dereitos laborais fundamentais.

    O dereito á vivenda segue sendo unha materia pendente no noso país. Unha xuventude que comparte pisos, un alugueiro aínda demasiado alto para os salarios da maioría, unha dinámica de xentrificación no centro das grandes cidades que expulsa a súa veciñanza. Cómpren políticas públicas valentes, cunha aposta clara pola promoción e un parque público de vivenda de alugueiro. 

    Somos conscientes do momento político que atravesamos e da súa complexidade. Pero como organizacións sindicais, avaladas por unha ampla maioría da clase traballadora mediante o seu voto democrático, e amparadas no noso marco constitucional como institucións democráticas para a defensa dos intereses económicos e sociais das persoas traballadoras, sentimos que nos concirne propoñer estratexias de país, desde a lealdade, a concertación e o acordo, esixindo o papel determinante dos marcos de concertación social e apelando aos necesarios acordos de Estado.

    Mobilizacións do Primeiro de Maio (*)

    A Coruña (acto central). Saída ás 12:00 da praza da Palloza ata a Delegación do Goberno.

    Ferrol. Saída ás 12:00 do Inferniño (Porta Nova) ata a praza de Armas.

    Santiago. Saída ás 12:00 da Alameda e remate na praza de Praterías.

    Lugo. Saída ás 12:30 da rolda da Muralla ata a Subdelegación do Goberno.

    Viveiro (só CCOO). Saída ás 11:45 da rúa de García Dóriga ata a praza da Fontenova.

    Ourense. Saída ás 12:00 do pavillón dos Remedios ata a Subdelegación do Goberno.

    Pontevedra (só CCOO). Saída ás 11:30 do Hospital Provincial ata a praza da Pedreira.

    Vilagarcía. Saída ás 12:00 da praza de Ravella e remate no mesmo lugar.

    Vigo. Saída ás 11:30 do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz ata Montero Ríos.

     


     (*) Todas as mobilizacións, agás aquelas en que se indica o contrario, son conxuntas coa UGT.