Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Maio 2024.

Nicolás Sartorius chama a esquerda a «pasar á ofensiva» e «mobilizarse»

    Nicolás Sartorius, un dos fundadores de CCOO, fixo un chamamento desde Vigo —onde recibirá un dos Premios Primeiro de Maio que outorga o sindicato— a que a esquerda pase «á ofensiva» e a «mobilizarse».

    26/04/2024.
    No centro, Nicolás Sartorius, canda Tito Ucha, da Federación de Pensionistas, e Montse Carrera, secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo

    No centro, Nicolás Sartorius, canda Tito Ucha, da Federación de Pensionistas, e Montse Carrera, secretaria xeral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo

    As declaracións de Sartorius producíronse o xoves, na véspera de recibir o premio, durante o acto de presentación do seu libro La democracia expansiva. Precisamente, o veterano avogado, escritor e político amosou a súa preocupación pola saúde do sistema democrático ante a «operación de acoso e derrubamento» da dereita e da extrema dereita contra Pedro Sánchez.

    Segundo a súa análise, o que está en risco non é un Goberno, senón a propia democracia. «Van pola democracia, para controlala, porque non aceptan que o Estado non é seu», reprobou. A cidadanía, os partidos progresistas e os sindicatos deben unirse «para derrotar a peor dereita de Europa».

    No acto de presentación do libro tamén se referiu á necesidade de superar o sistema capitalista. Para isto chamou tamén á necesidade da unidade da clase traballadora para que «o capitalismo non nos controle a nós», subordinando os intereses económicos á cidadanía, «para que poidamos gozar dunha democracia plena».