Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Decembro 2024.

CCOO alerta do risco psicosocial e chama a facelo visible

    Co gallo do 28 de abril, Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo, a Secretaría de Saúde Laboral de CCOO organizou este mércores en Santiago de Compostela unha xornada sobre os riscos psicosociais.

    17/04/2024.
    De esquerda a dereita, Susana Martínez, Armando Iglesias e Virginia Saz

    De esquerda a dereita, Susana Martínez, Armando Iglesias e Virginia Saz

    As persoas relatoras foron Virginia Saz, técnica de Saúde Laboral da Confederación Sindical de CCOO, e Susana Martínez, técnica do Gabinete de Saúde Laboral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia.

    Presentou e conduciu a xornada Armando Iglesias, secretario de Saúde Laboral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, quen comezou lamentando as 15 vítimas mortais en accidentes de traballo rexistradas no que vai de ano na comunidade autónoma.

    O sindicalista alertou de que o risco psicosocial «é a causa por tras de moitas doenzas, accidentes e mesmo mortes, pero non se ve», polo que considerou que unha das tarefas prioritarias é «facelo visible».

    Por exemplo, das 53 mortes en accidente de traballo rexistradas o ano pasado, o 42 % foron «infartos e outras patoloxías non traumáticas». Ante esta cifra, chamou a preguntarse que incidencia puido ter o risco psicosocial en parte destes desenlaces fatais.

    O secretario de Saúde Laboral de CCOO subliñou que «unha organización do traballo inadecuada pode elevar o risco psicosocial e, como consecuencia, aumentar a sinistralidade laboral». Trátase, concluíu, «dun problema grave» ante o que o sindicato ten que estar «vixiante para garantir que sexa efectiva a protección da saúde das persoas traballadoras».

    Na mesma liña se expresou Virginia Sanz, quen trazou unha clara relación entre as malas condicións laborais e o aumento do risco psicosocial. «A maior esixencia, maior carga de traballo, menor capacidade de decisión da persoa traballadora e peores condicións laborais, maior é o risco psociosocial», advertiu.

    Na súa opinión, para unha axeitada prevención de riscos nas empresas é «fundamental» a participación dos traballadores e das traballadoras, xa que son quen mellor coñecen o centro de traballo e as características e riscos inherentes a cada posto, de xeito que poidan facer achegas.

    A especialista tamén fixo unha advertencia sobre o nesgo de xénero canto á valoración do risco. Neste sentido, sinalou que as mulleres están peor diagnosticadas en preto de 700 patoloxías e, no caso dos infartos, elas son as que máis falecen malia se rexistraren máis casos entre os homes.

    Tamén sobre o nesgo, referiuse a que a meirande parte dos parámetros ou valores de referencia usados no ámbito da prevención —como, por exemplo a exposición ao risco químico— están tomados a partir da poboación masculina e non se ten en conta a diferente fisoloxía entre mulleres e homes.

    Pola súa parte, Susana Martínez, do Gabinete de Saúde Laboral de Galicia, explicou que non é posible unha axeitada prevención laboral sen un compromiso da empresa e sen a participación das persoas traballadoras.

    No que atangue expresamente ao risco psicosocial, cualificou de «fundamental» un axeitado diagnóstico, pois hai moitos elementos que poden derivar neste risco. E reiterou a importancia da diagnose, pois a avaliación de riscos «procura as causas, non os danos» producidos.

    Tras lembrar que un diagnóstico non é procedente nunha situación de conflito —porque distorsionaría os resultados—, criticou unha mala práctica que se dá en moitas empresas, que é abordar só os casos máis extremos. Moi pola contra, considera que «todo o que non saia en verde —óptimo— nunha avaliación, debe ser revisado».