Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 23 Novembro 2024.

CCOO mobilizouse en Ferrol no Día da Clase Obreira Galega

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia manifestouse o domingo en Ferrol para conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. «A clase obreira somos o sustento e o futuro do país», resumiu a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez.

    11/03/2024.

    URL | Código para insertar

    A manifestación foi a continuación do acto institucional que cada ano se fai ao pé do monumento ao 10 de Marzo en homenaxe ás vítimas da represión franquista en Ferrol, hai xa 52 anos.

    O manifesto do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia neste 10 de Marzo subliña a importancia de «mantérmonos firmes nos nosos valores». Hoxe, coma naquel 1972, «mantemos o vencello das Comisións Obreiras coa loita polas liberdades e a democracia. O dereito á negociación colectiva era unha aspiración dos traballadores e traballadoras, consubstancial á conquista de dereitos laborais e sociais que implicaba liquidar o modelo de relacións laborais do réxime franquista».

    Máis de medio século despois, a economía medra e, con ela, os beneficios empresariais. Porén, «mantéñense implacables os elementos de desvalorización» sobre os salarios e condicións de vida das persoas traballadoras.

    Por esta razón, CCOO coida que é «responsabilidade desta organización impulsar un cambio de rumbo en Galicia con máis compromiso político, autogoberno, concertación social e xustiza social. Temos identificadas as cuestións que consideramos prioritarias para que Galicia se siga transformando e avanzando».