Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Decembro 2024.

Día da Clase Obreira Galega 2024

10 de Marzo: Mellorar o emprego · Máis igualdade · Fortalecer o benestar!

    O 10 de Marzo conmemoramos, un ano máis, o Día da Clase Obreira Galega. Lembramos aqueles feitos de 1972 en Ferrol que provocaron a convulsión dun sistema ditatorial. Esa data é reivindicada anualmente polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Fundación 10 de Marzo. 

    07/03/2024.
    10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

    10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

    En primeiro lugar, coa entrega dos premios do mesmo nome, nun acto de homenaxe a todas as persoas destacadas pola súa loita na defensa das liberdades e dos intereses de clase obreira. O propio día 10, as CCOO participamos en Ferrol no acto in memóriam de Amador e Daniel, que foron asasinados pola policía represiva do réxime cando se manifestaban polos seus dereitos. Concluímos cun acto de mobilización, lembranza e recoñecemento á loita a prol dos dereitos das traballadoras e traballadores: manifestación desde o estaleiro de Navantia ata o Monumento ao 10 de Marzo.

    Esa lembranza é a que nos move a mantermos firmes nos nosos valores. Daquel 10 de marzo de 1972 mantemos o vencello das Comisións Obreiras coa loita polas liberdades e a democracia. O dereito á negociación colectiva era unha aspiración dos traballadores e traballadoras, consubstancial á conquista de dereitos laborais e sociais que implicaba liquidar o modelo de relacións laborais do réxime franquista.

    Máis de medio século despois, a economía medra e, con ela, os beneficios empresariais; porén, sobre a calidade de vida dos traballadores e traballadoras mantéñense implacables os elementos de desvalorización. É unha responsabilidade desta organización impulsar un cambio de rumbo en Galicia con máis compromiso político, autogoberno, concertación social e xustiza social. Temos identificadas as cuestións que consideramos prioritarias para que Galicia se siga transformando e avanzando. CCOO non quere máis escusas ou atrancos para dar as solucións que reivindica a maioría da xente deste país, as solucións que demanda a clase traballadora galega.

    O Goberno galego, saído das urnas no mes de febreiro, debe liderar un novo modelo de crecemento económico, equilibrado, duradeiro e respectuoso co medio ambiente. Só nesas condicións a sociedade galega ampliará o seu horizonte de desenvolvemento e de cohesión social. Este novo modelo de crecemento ten que asentar na formación ao longo da vida, na innovación e na industria, na creación de emprego estable, de calidade e con dereitos, na protección ás persoas desempregadas e na igualdade entre mulleres e homes. Tamén ha contar con garantías para a protección da saúde no traballo, para asegurar condicións de vida dignas, comprometéndose cos nosos servizos públicos, con medidas para que as pensións, a educación, a sanidade ou a atención ás persoas dependentes sexan dereitos consolidados.

    A responsabilidade e o compromiso que caracterizaron os feitos de 1972 en Ferrol fanse hoxe en día máis necesarios ca nunca, porque non podemos permitir caer na demagoxia barata de certos sectores da sociedade e da ultradereita, que nos queren retrotraer a aqueles tempos en que os peor parados son sempre os que menos teñen. É a nosa responsabilidade sermos conscientes de que un Estado como o noso será social ou non será.

    Comisións Obreiras ten dado sobradas mostras da responsabilidade e do compromiso que nos caracterizan, do esforzo compartido. Compromiso e responsabilidade como o dos compañeiros e compañeiras de Bazán no 72.

     

    VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!

    VIVA O DEZ DE MARZO!!

    VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!

    DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!


    Actos en Ferrol de CCOO para o 10 de Marzo:

    — 11 horas: ofrenda floral no Monumento ao 10 de Marzo

    — 12:30 horas: manifestación desde Navantia ata o monumento