Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

CCOO entregou os Premios 10 de Marzo 2024

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) e a Fundación 10 de Marzo entregaron este sábado os Premios 10 de Marzo, cos que cada ano se destacan traxectorias vitais e profesionais comprometidas coa loita polas liberdades e polos dereitos da clase traballadora.

    02/03/2024.
    De esq. a der., Amelia Pérez, Uris, Fernández Galiño, Sánchez Aguión e Unai Sordo

    De esq. a der., Amelia Pérez, Uris, Fernández Galiño, Sánchez Aguión e Unai Sordo

    Nesta 33.ª edición, conducida pola xornalista Aida Pena, foron galardoados Xosé Manuel Sánchez Aguión, María Dolores Fernández Galiño e José Antonio Uris Guisantes. Ao acto acudiron un cento de persoas convidadas, entre familiares dos homenaxeados, representantes de diferentes institucións e membros do sindicato. Debido ás limitacións de cabida, a entrega dos premios foi retransmitida en directo a través da canle de YouTube do sindicato.

    Traxectorias de compromiso

    Abriu o acto o secretario xeral confederal, Unai Sordo, quen se congratulou por poder «participar un ano máis» nesta entrega de premios. Realizou un percurso histórico para poñer en primeiro plano o protagonismo do sindicato na conquista das liberdades de que hoxe gozamos, «algo do cal moitos e moitas de vós fostes protagonistas en primeira persoa», subliñou.

    Asemade, aplaudiu que nos Premios 10 de Marzo tamén se premien persoas que «non necesariamente» pertenzan ao sindicato, mais que si compartan con el os valores da solidariedade e da xustiza social.

    Pola súa banda, a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, foi a encargada de pechar o acto. Na súa intervención condensou os aspectos máis salientables das traxectorias vitais e profesionais dos tres homenaxeados.

    Definiu a Uris como «un compromiso de vida en defensa da memoria democrática» desde o seu papel como membro de CCOO e militante antifranquista, mais tamén desde a asociación pola memoria histórica do Baixo Miño ou á fronte da organización contra as drogas Érguete.

    De Dolores Fernández Galiño puxo en valor o seu «compromiso feminista» desde moi nova, do cal fixo gala durante a súa carreira como maxistrada —especialmente nos Xulgados do Social, onde tamén destacou en defensa da clase traballadora— e xa nos últimos anos como Valedora do Pobo de Galicia.

    Finalmente, tivo palabras de cariño e agradecemento a Xosé Manuel Sánchez Aguión, «un rapaz de aldea, como o Balbino de Neira Vilas», que se criou na Coruña. Alí abrazaría cedo o compromiso social que o levaría a militar en CCOO, sindicato do que chegaría a ser secretario xeral.

    Agradecementos dos homenaxeados

    José Antonio Uris agradeceu o galardón —que recolleu de mans de Emilio Crespo, da Fundación 10 de Marzo— que lle outorga o sindicato e puxo en valor o papel de CCOO «en defensa das causas xustas». Lembrou que xa nos seus primeiros tempos como militante o sindicato era un lugar onde se reunían persoas da máis diversa procedencia cunha mesma arela común.

    Entre os agradecementos que quixo destacar citou «a miña querida Carmen Avendaño», unha das pioneiras na loita contra o narcotráfico en Galicia.

    Dolores Fernández lembrou o seu primeiro contacto con CCOO cando estaba destinada no Xulgado do Social en Pontevedra, momento da súa traxectoria profesional onde puido ver de primeira man todo o que aínda estaba pendente de facer, non só en materia de feminismo, senón de protección das persoas traballadoras.

    Agracedeulle a asistencia ao acto ao equipo de colaboradores na Valedora do Pobo de Galicia, especialmente á vicevaledora María Xosé Porteiro, así como «ao meu compañeiro de vida», o tamén maxistrado Fernando Lousada.

    Xosé Manuel Sánchez Aguión quixo lembrarse neste emblemático acto «daqueles que xa non están», en concreto Enrique Veira, José Luis Paz Pena, Pepe Cameselle e Xan María Castro Paz, todos eles parte da historia das Comisións Obreiras.

    Asemade, amosou o seu agradecemento polo galardón, xa que a militancia en CCOO «foron e aínda son os mellores anos da miña vida», apuntou, ao tempo que subliñou a importancia que ten o sindicato. «Somos hoxe máis necesarios ca nunca para a defensa dos intereses dos traballadores e das traballadoras».