Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Decembro 2024.

O comité de Alcoa denuncia o «peche encuberto» da fábrica de San Cibrao

    O comité de empresa de Alcoa denunciou na reunión de hoxe co Ministerio de Industria o «peche encuberto» da fábrica de San Cibrao por parte da multinacional estadounidense, que pretende desvincularse dos acordos asinados coas persoas traballadoras.

    23/01/2024.
    José Antonio Zan (CCOO), presidente do comité de empresa de Alcoa

    José Antonio Zan (CCOO), presidente do comité de empresa de Alcoa

    O comité lembra que hai máis de dous meses que se tería que ter executado o investimento do forno de cocción, ao mesmo tempo que xa se procedeu á demolición do vello forno, o que constitúe unha «posible descapitalización da empresa».

    Por outra banda, a representación legal das persoas traballadoras denuncia «falsidades» por parte de Alcoa para pór riba da mesa o incumprimento dos acordos. Entre outras, as perdas dos anos 2020 e 2021, «que unicamente se poden achacar á mala xestión de Alcoa no seu empeño de pechar o complexo nos xulgados», acción xudicial que concluíu cunha sentenza que apreciou «mala fe» por parte da multinacional.

    Para o comité, Alcoa mantén a pretensión de pechar a fábrica e agora utiliza os traballadores e traballadoras como «reféns» para chegar a un acordo cos sindicatos que lle permita «liberarse xuridicamente das súas responsabilidades».

    E para conseguilo, dado que está asinado que non pode aplicar nin un ERE nin un ERTE na planta de aluminio, «ameaza con despedimentos na planta de alúmina» se o comité non lle autoriza o incumprimento dos acordos.