Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Novembro 2024.

7 de outubro, Xornada Mundial polo Traballo Decente

    Na Xornada Mundial polo Traballo Decente,que se celebra o 7 de outubro, CCOO e UGT esiximos que as persoas traballadoras estean no centro das políticas públicas.

    06/10/2023.
    7 de outubro, Xornada Mundial polo Traballo Decente

    7 de outubro, Xornada Mundial polo Traballo Decente

    A proporción da riqueza mundial que se destina aos salarios diminuíu un 13 % nos últimos corenta anos, malia se cuadriplicar a economía mundial. En Europa, as medidas puntuais e mormente financiadas polo Estado son insuficientes para responder á inflación e ao aumento de custos como os da enerxía, a alimentación, a vivenda, etc.

    Os catro piares da axenda do Traballo Decente aprobada por Nacións Unidas: creación de emprego, protección social, dereitos no traballo e diálogo social, están integrados na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e son un compromiso para a Organización Internacional do Traballo (OIT) e os seus mandantes; e os plans de acción do G20, o G7, a UE e outros organismos multilaterais reafirmaron a importancia do traballo decente para a recuperación da crise e o desenvolvemento sostible.

    É máis imprescindible ca nunca unha mellor distribución da riqueza producida, que tamén é un potente instrumento de acción para a loita contra as desigualdades, en particular entre mulleres e homes. Os bancos centrais deben abandonar a obsoleta e refutada formulación de manter os salarios baixos para combater a inflación. Pero tamén debe desterrarse para sempre a sombra da austeridade homicida, unha política que demostrou ser incompatible co traballo decente.

    Sen salarios xustos e con austeridade só se garante a pobreza da maioría social do país e a desigualdade.

    O pulo de cohesión e solidariedade que supuxo o Plan de Recuperación europeo como resposta á crise da pandemia está en risco. Algúns gobernos de peso na Unión Europea están manifestándose como partidarios de regresar ás políticas de austeridade, con medidas que afectarían, entre outros, aos recursos propios da UE e ao Plan Industrial do Pacto Verde, dada a oposición a unha nova emisión de débeda común europea. O traballo decente e o benestar das europeas e europeos están en xogo, polo que o movemento sindical europeo mobilizarémonos por un goberno máis democrático da economía e un orzamento europeo suficiente para financiar bens comúns que promovan a cohesión social e territorial.

    As dramáticas consecuencias do cambio climático fan esencial emprender unha transición ecolóxica socialmente xusta que inclúa propostas inmediatas, que anticipe os impactos e investimentos necesarios, que asegure o emprego e faga partícipes as persoas traballadoras das decisións que lles afectan.

    No mundo, as persoas afiliadas a un sindicato gañan entre un 10 % e un 25 % máis ca as que non o están. A eficacia xeral dos convenios colectivos negociados polos sindicatos fai que tamén os traballadores e traballadoras non afiliadas se beneficien das melloras laborais. Tamén a insoportable fenda salarial, que actualmente rolda o 20 % a escala global, é substancialmente inferior cando as traballadoras están organizadas e, nalgúns casos, case desaparece grazas á negociación colectiva.

    Os sindicatos loitamos contra a desigualdade salarial en todo o mundo, así como contra a explotación laboral e salarial das persoas migrantes, as traballadoras e traballadores máis novos e outros grupos discriminados.

    No Día Mundial polo Traballo Decente queremos facer unha mención especial á crise salarial que se está vivindo en toda Europa.

    A reforma da gobernanza europea non pode, baixo ningún concepto, volver a políticas de austeridade que con frecuencia levan consigo diminución de dereitos para as traballadoras e os traballadores, reformas laborais regresivas, descentralizan a negociación colectiva, favorecen o despedimento, comprometen a saúde e a seguridade nos centros de traballo e, en definitiva, afondan só na precarización do traballo, amais de recortar en servizos públicos, reducir a protección social, diminuír pensións, etc.

    UGT e CCOO solidarizámonos con todas as persoas traballadoras do mundo para conseguir que os salarios, a protección social e a negociación colectiva garantan o traballo decente para todo o mundo, e reafirmamos o noso compromiso coa OIT para facer da súa axenda unha realidade.